Os carreiros da inocencia
Arsenio Lixeiro Cortapisa deixou ó rapaz no instituto e quixo facerlle honor ó seu primeiro apelido: ir andando á biblioteca municipal na rúa Concello desde o Paco Paz de Ourense. E tiña que ir lixeiro porque o rapaz podía saír do exame en calquera momento. Pegoulle ritmo ás súas pernas e pasaba o tempo coa música nos oídos e contemplando as matrículas dos coches. Arsenio Lixeiro sempre tivo un non se sabe que polas matrículas dos coches. A proba é que coñece a xente coa que se cruza moitas veces nas estradas polas matrículas. Incluso a aqueles que son descoñecidos. Chega con verlle a matrícula unha ou dúas veces para quedarse con ela para sempre.

En media hora xustiña, Arsenio Lixeiro entrou na biblioteca, e foi ó buscar nos libros que quería coller cando se deu de conta do que realmente andou, pois axiña asomou á súa pel, a toda a súa pel gotas de suor de caían a chorro. E iso que Arsenio Lixeiro nunca foi moito de suar. Claro que ás catro e pico da tarde a temperatura pasaba bastante dos 30 graos na cidade das burgas. Non escolleu moito porque as présas eran enormes. Así é que case os tres primeiros libros que mirou foi os que levou. E volta para o instituto Ferro Couselo. Vendo que intuía que chegaba a tempo, minorou a marcha, máis polo propio cansazo que polo tempo (se o rapaz saía, que esperase). A volta levoulle un chisquiño máis de media hora. Despois aínda tivo que esperar outra media hora máis. Xa esperou lendo e chorreando aínda suor e máis suor. Arsenio Lixeiro Cortapisa andou lixeiro.
Anda revolta a feira
Quixo a pinga de orballo ser aire na contorna de Sudalomba, pero a laverca que planaba pola Chaira de Pinouzos picou nela e espallouna polo Río Vello adiante. Tan só o ruxerruxe dun suspiro foi quen de alzar a voz para que as tres vacas de Nicanor, O Pailán, outeasen o horizonte e, unha delas, a Garbosa, erguese o rabo e fuxise dos tabáns que zoaban á súa beira. Patas, para que vos quero, pensaría o animal. E nun santiamén abeirou cara a Baños de Molgas deixando ó Pailán a velas vir. Menos mal que puido xunguir ás outras dúas para levar o carro dos toxos que collera en Barricobos. Quixo a Garbosa meterse na leira dun veciño para comerlle as verzas que tiña por entre as patacas. E meteuse e comeu as verzas. Axiña lle chegou o recado ó Pailán de parte do dono da finca, Román, O Piolloso. A aquel tan só lle quedou o desculparse, meterse logo na corte, coller a tranca da porta carral e... A imaxinación é libre, querido lector.

Quixo outra pinga de orballo ser luz na noite escura na Aira de Arriba, pero o son da campá da igrexa de Baños de Molgas pegoulle tal susto que a pinga saíu esparexida polos terreos da Cortiña, tras o cemiterio parroquial. Hai que ver, anda revolta a feira, pensou o orballo que abrolla de mañá cedo ante tales adversidades. O Pailán e O Piolloso chegaron a un acordo; aquel pagaríalle a desfeita da vaca en especies. Os tempos!, que diría aquel.