Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A necesaria restauración da sanidade pública en Galicia

viernes, 16 de septiembre de 2016
A sanidade pública galega, durante os dous mandatos de Núñez Feijoo, foi sometida a un proceso de degradación permanente. Non foi por causa da crise nin provocada pola incompetencia do goberno; pola contra o Partido Popular, desde o poder, foi moi eficaz para aplicar de xeito contundente unha estratexia de desmantelamento dos servizos públicos coa finalidade de crear espazos de negocio favorables aos intereses financeiros e ás empresas afíns, que conseguen beneficios a expensas do erario público.

Desde 2009 ata 2015 reduciron o orzamento sanitario un 18.3%, situando a Galicia como a CCAA que aplicou o recorte máis profundo. Tamén eliminaron nese tempo case 1.800 prazas da sanidade pública -sendo a Atención Primaria o nivel máis afectado-, e suprimiron 450 camas hospitalarias públicas, a pesar do crecemento das listas de espera e da permanente conxestión dos servizos de urxencias. A degradación das condicións laborais chegou a ser alarmante (hai traballadores sanitarios que acumulan máis de cen contratos nun só ano).

Mentres tanto entregaron a mans privadas cada vez máis parcelas de actividade (ambulancias, historia clínica electrónica, telecomunicacións, cita previa, suministro e loxística, mantemento de equipos sanitarios, xestión da limpeza, servizo de catering, teleasistencia...), e teñen en carteira o proxecto de Unidades de Xestión Clínica, co que pretenden privatizar a propia actividade sanitaria nos hospitais e centros de saúde: poderían abrir a porta ao mercado, á xestión privada e á laboralización do persoal.

Tamén renovaron por dez anos o concerto co hospital privado Povisa de Vigo (75 millóns de euros anuais) e puxeron en mans dunha empresa concesionaria (integrada por construtoras arruinadas e bancos rescatados) a xestión do novo Hospital Álvaro Cunqueiro (70 millóns de euros durante vinte anos). A Administración pública queda cunha severa hipoteca, e a sanidade do sur de Galicia en mans privadas para moito tempo.

Se a todo isto engadimos o crecemento imparable do gasto farmacéutico (pola apresurada e imprudente incorporación de novos fármacos de uso hospitalario, de utilidade pouco comprobada pero con prezos desmesurados), a entrega da xestión da tecnoloxía sanitaria ás propias empresas (mediante o curioso sistema de contratación do “socio tecnolóxico”), e a cesión de parcelas moi sensibles do sistema (xestión da información, control de datos, investigación, contratación...) a empresas privadas, podemos concluir que o sistema sanitario público está en risco pois, de non poñer freo á política actual, pode chegar a ser insustentable.

Se o vindeiro 25 de setembro hai un cambio político en Galicia (que eu considero imprescindible) a sanidade pública deberá ser unha das áreas de atención prioritaria para frear o seu deterioro e reverter a situación actual. O novo goberno deberá traballar, coa máxima decisión política e a maior seguridade xurídica, para restaurar o dano causado. Será un camiño longo e dificil (pola escaseza de recursos, as dificultades legais, as resistencias ao cambio e a intensa infiltración que o PP ten nas estruturas centrais e periféricas da sanidade).

O traballo deberá dirixirse en tres direccións fundamentais: reforzar o sistema público, incrementar a súa capacidade de atención e restaurar a calidade asistencial (incremento progresivo do financiamento e recuperación do persoal restado) para abordar o principal punto negro do sistema, as enormes listas de espera; tamén haberá que recuperar a dignidade profesional (tan degradada nestes anos de goberno do PP) e conseguir unha implicación dos traballadores na mellora dos servizos públicos; e haberá que iniciar un camiño de recuperación das áreas externalizadas para que pasen a ser controladas pola Administración e realizadas por traballadores públicos.

Aínda estamos a tempo. Os defensores da sanidade pública entendemos que a saúde é un dereito dos cidadáns e o sistema sanitario un elemento clave de cohesión social. Non podemos deixar que a convertan nun negocio. Os nosos sucesores deben ter dereito a unha atención sanitaria, cando menos, como a que aínda temos a día de hoxe.

http://pablovaamonde.blogspot.com.es/
Vaamonde, Pablo
Vaamonde, Pablo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES