Non deixa de sorprender gratamente que, a estas alturas, poidan existir aínda textos de grandes nomes das nosas letras que non fosen xa recuperados e editados pertinentemente. Mais, por estraño que pareza, así é. Acontece isto,

por exemplo, con Eduardo Blanco-Amor, clásico incontestable da nosa narrativa do pasado século, poeta constante, dramaturgo entregue e, tamén si, admirable ensaísta e orador.
E escribo que parece mentira que así sexa á vista da recente publicación da compilación articulística En defensa e ilustración de la Segunda República Española en los años de la Guerra Civil (1936-1939), un denso volume de preto de medio milleiro de páxinas que foi presentado polos seus autores na Feira do Libro de Buenos Aires, onde o achegou como novidade bibliográfica Mar Maior, a división editorial que Galaxia ten como selo alén Galicia.
En defensa
recolle e edita con rigor e saber un centenar de textos no seu día publicados por Blanco-Amor en Galicia, o semanario voceiro da Federación de Sociedades Galegas da República Arxentina, cabeceira que o escritor ourensán dirixiu dende mediados de 1926 ata despois da Guerra Civil.
Os escritos aquí reproducidos son os dados á luz polo autor de Xente ao lonxe ao longo do período bélico e tratan todos eles, dunha ou doutra maneira, do rexeitamento golpista, posicionándose a prol da causa republicana.
Os responsables desta exemplar edición son os analistas e investigadores Emilia García López e Gregorio Ferreiro Fente. A eles corresponde a recolleita e transcrición de textos e a nótula explicativa á edición, sendo labor do último o corpo de notas de que se acompañan os artigos e o extenso estudo introdutorio ao volume, no que Ferreiro Fente dá conta da circunstancia xeopolítica arxentina en relación á sublevación militar española, informa sobre as angueiras xornalísticas desenvolvidas no país americano por Blanco-Amor previamente ao seu desembarco no Galicia e, por remate, sintetiza as principais liñas temáticas e de enfoque dos artigos recuperados.
Cómpre sinalar que esta documentada e reveladora introdución do profesor Ferreiro Fente vén precedida dun non menos acaído prólogo asinado por Xesús Alonso Montero, quen en apenas nove páxinas sitúa as coordenadas nas que o cidadán Blanco-Amor actúa como defensa e baluarte da legalidade republicana, brutalmente usurpada pola barbarie fascista capitaneada por Franco.
Os noventa artigos do de Ourense, como ben se lembra nesta edición, recuncan adoito no afear a neutralidade das

nacións democráticas europeas ante o asalto franquista á liberdade republicana; na descrición da asasina represión levada a cabo en Galicia polos sublevados; na denuncia do comportamento indeciso ou profranquista de certas empresas e colectivos galegos na Arxentina; no seguimento dos acontecementos que se sucedían na fronte de batalla e, finalmente, en diversos asuntos sociais e políticos arxentinos que amosaban un proceder contrario ao espírito demócrata republicano.
O volume engade aínda algúns textos vencellados ao corpo central de artigos, como dous poemas (en galego e castelán) asinados por Blanco-Amor na revista durante ese trienio, catro artigos que sabemos por el escritos aínda que non figuren asinados e tres cartas que lle dirixiron diferentes autores e que tamén se publicaron daquela no Galicia.
Entendo de capital importancia esta recuperación periodística, pola que moito cómpre parabenizar a García López e Ferreiro Fente. En defensa
non só é unha recolleita de excepcional valor para mellor entender a inaceptable agresión que supuxo o levantamento militar e as súas funestas consecuencias, senón que a prosa maxistral de Blanco-Amor actúa nela por elevación, de tal xeito que moitas páxinas aquí reunidas seguen tendo plena vixencia no que atinxe á defensa das liberdades, da xustiza e a equidade sociais e no que di da ignominia e mesquindade dos represores e asasinos de toda caste.
O expresado debería de ser abondo para comprender por que En defensa
é un título de mérito, mais para aqueles aínda dubitativos vén ao caso lembrar que o xenio do estilista ourensán se dá nestas páxinas en grao sumo, que cada un dos artigos é unha fina peza de ourivería ensaística, rebordantes como eles están dun saber histórico fondo e un coñecemento da realidade española, europea e universal que abraia e que non impide, todo o contrario, a transparencia no dicir, o período labrado coa máis nobre retórica e aínda a liricidade oratoria que moitos dos seus parágrafos deitan. En definitiva, planas para ler e reler admirando o mellor Blanco-Amor.