Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Historias difíciles de crer

jueves, 15 de septiembre de 2016
Ter un certo compromiso con este portal de Galicia Dixital e cos presuntos lectores (algúns non tan presuntos), de escribir con certa regularidade tén as súas dificultades, sabedes?, porque a veces, maldito se non se queda un sen palabras, e, polo menos eu, cando me quedo sen palabras é porque tamén me quedei sen ideas. Nesas circunstancia é cando pode darse o que xa repetín varias veces, de que non se escriba porque se tén que dicir, senón que se diga porque hai que escribir.

Sen ir más lonxe, hoxe mesmo estame ocorrendo que quixera escribir sobre o que din os nosos, (nosos?) políticos, pero non teño instalado no ordenador o convertidor de palabra emitida a palabra veraz.

Gustaríame escribir sobre o apurado que fala desde hai un tempo don Pedro Sánchez, coma se tivese medo a que non lle dea tempo a dicir quen non, que quizais ou que quen sabe; pero como leva meses dicindo o mesmo é normal que ó coller carreiriña se lance a toda mecha pola costa abaixo. E tamén me gustaría escribir sobre o lento que fala Rajoi, pero como desde hai anos antes de cecear a fraze seguinte tén que escoitar o eco da anterior, pois por iso.

Tamén pensei en escribir sobre a saúde física de Hillary dos estados unidos e a psíquica de Trump de américa do norte. (Escribo estados unidos con minúscula porque pra min que é nome común, xa que son 50 polo menos, o mesmo pasa con américa do norte. porque sospeito que tamén hai varias). Pero pra iso tería que ler miles de folios do historial clínico de cada un e non sei inglés nin teño intención de aprendelo agora que se van.

Á Hillary non lle poño apelido non vaia ser que se me boten enriba as feministas toplesas de Femen orixinarias de Kiev por esquecer o apelido propio dela e poñerlle o do marido vítima no seu momento dunha becaria acosadora que meteu pola porta de atrás na Casa Branca o Partido Republicano. Por certo, naquela ocasión a reacción tan comprensiva da Hillary co Bill foi exemplarísima pra mulleres de tantos políticos extorsionados por becarias sen escrúpulos.

Pasóuseme pola cabeza dicir catro cousas sobre a corrupción, pero non o vou facer antes de que me amañen un asuntiño que teño pendente no Concello referente a unha licenza de obras que teño solicitada, indebida e ilegal.

Tamén decidira, nun arrebato de mal xenio, contar como a doutora Franco do Hula me deixou de sábado pola tarde a luns pola mañá coa prótese fonatoria fugando líquidos, pero traguei o mal xenio porque me advertiu miña irmá de que tarde ou cedo vou ter que volver a pasar polo hospital e non convén cerrar portas. anque alí pechen unidades e plantas. Aclaro, iso si, en linguaxe vulgar pra facerme entender, o meu problema.

Resulta que ó operarme da gorxa do aire, puxéronme entre a larinxe e a boca un aparatiño de silicona, dispensando así, de, milímetro arriba ou abaixo, algo máis de medio centímetro de largo e aproximadamente a metade de ancho, que vai provisto duns rebordes que sobresaen en cada cabeza pra que se manteña quieto no seu sitio e non ande choqueleando; e polo medio leva un buratiño que pola parte superior ou de contra a boca remata nunha membrana que fai de palleta e iso permíteme falar ó mandarlle o aire da respiración e facerlle vibrar. Pero cando a palleta se xiringa non tapa ben o buratiño, e deixa pasar líquidos ó pulmón co correspondente perigo de causar pneumonía e ese atragantamento tan molesto de cando se vai algo que non debe pola gorxa de respirar.

Neste caso o remedio que tiven que empregar foi non beber de sábado a luns, máis de 48 horas, e comer cousa sólida, pero a noite do domingo non puiden durmír sono, porque me atragantaba coa mesma miña saliva. Penso eu que as ditosas próteses que se fabrican nos Países Escandinavos, podían vir provistas, ademais do cepilliño pra limpalas por dentro, dun tamponciño pra cando se xiringan que en linguaxe técnica dise: “Para cuando filtran o fugan”. Deben ter razón os bilingües harmónicos no de que o galego non se prestou antes prá linguaxe culta nin se presta agora prá técnica.

Polo visto, o problema era que non había próteses segundo lle dixo a devandita doutora a outra doutora que me atendeu moi amablemente en urxencias. Menos mal que ás oito e media da mañá do luns, cando cheguei ó Hula, xa chegaran antes ca min. Non sei se viñera un tráiler exprofeso traelas desde Suecia con cargo ó Sergas ou se simplemente aparecera a chave da lacena onde as gardan no Hula.

Por iso non culpo á doutora que seguramente tería que vir o sábado pola tarde, por ser a otorrina de garda, desde a súa casa ó hospital pra nada, porque se non había próteses, xa me diredes que viña facer. Agradézolle que se fiase da miña palabra no referente á fuga e non se molestase en vir facer ningún tipo de comprobación a ver se a era debida a outras posibles causas.

Non me sorprende que garden o trebello de falar baixo chave, porque se o colle un neno o mesmo pensa que é un chifre e ademais, porque paga o Estado, (bueno, o Estado paréceme ser que somos todos ás veces, non sempre, porque nun accidente de circulación o avogado de Estado, Sr. Sardiña, estivo a favor da compañía Mediodía que deu de quebra fraudulentamente e contra min). (Retomo, porque xa queda lonxe a oración principal ó facer tan longa a subordinada). Paga o Estado beiras de 400 euros por cada chilindrada fonatoria desas.

Eu, que cando me poño son bastante manitas se non me trema o pulso, creo que faría eses chismes por menos de 30 euros, pero claro, eu non teño a patente nin necesito desempeñar o investido en investigacións. O sábado ía preocupado porque normalmente desde que me operaron hai tres anos víñame durando cada prótese arredor de tres meses e estas últimas esmendrelláronse moito antes ata chagar á do fin de semana pasado que só levaba oito días; pero xa me informaron de que as primeiras duraban ata un ano e agora duran cada vez menos. Supoño que se debe a que a silicona xa non é o que era e os señores ministros de sanidade en funcións ou disfuncións teñen moito a que atender con tanta elección e pagan o que lles poñan por diante. Para…para. A ver se o prezo se debe a que teñen que seguir investigando como facelas cada día menos duradeiras…

Aínda menos mal que non lles deu á consellería do ramo por obrigar a todos os larinxectomizados a usar esas argalladiñas xenéricas, porque, polo que me dixo un médico amigo e do PP, coa condición de non contalo xa que lle podía traer consecuencias, nalgúns casos os tubiños das xenéricas veñen sen furado.

Todo é cousa de poñerse. Parecíame que non ía ter que dicir pra encher un folio, e se me dera por seguir co da inseguridade social, igual tiña pra un libro gordete, pero hai que ter coidado, que miña irmá tamén tén a súa razón. Unha cousa é a teoría e outra a práctica.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES