Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Carro: As súas orixes e historia

domingo, 15 de julio de 2001
As orixes do carro como vehículo hai que as referir ós achádegos da Idade de Bronce dos que se teñen vestixios en Italia, esta mención foi sostida por Xaquín Lorenzo e outros. Cómpre dicir que certos modelos de rodas deste atopáronse en MERCURAGO (Italia) e nalgunhas citanias portuguesas, coma o carro de bronce de COSTA-FIGUEIRA. A súa procedencia Celta conta con abondos defensores de seu, mais séguese sostendo coma máis meritoria a de que o seu berce parte dos pobos bárbaros dos que logo arrincou a estirpe Celta. Outros comentarios lévannos a reseñar que a súa invención tal vez foi contemporánea á domesticación do boi e doutros animais.

Os estudiosos R. BARCIA e outros sinálannos como vía etimolóxica da palabra carro o sanscrito “CAR” e os términos latinos de “CURRUS” ou “CARRUS”. A testemuña de J. ESPASA tampouco a desbotamos xa que asegundo el os latinos coa voz “CURRUS” designaban a tódolos móbiles tanto que foran de uso no traballo do agro, coma que estiveran destinados ó transporte das equipaxes, sendo dos máis mencionados O PLAUSTRUM; con todo tamén “CURRUS” asignaba ás carruaxes lixeiras que se empregaban para o desprazamento das persoas, xa foran de dúas ou de catro rodas, tales coma O CARRUCA que figura levar unhas rodas moi semellas ás do noso carro fonsagradino e do que nos atrevemos a dicir que era empregado polo exército bárbaro coma sistema de atrincheiramento por eles denominado CARRACO; por outro lado está tamén o RHEDA que polo feito de te-la súa orixe na Xermania vennos a ser dunha boa valía antropolóxica, outro dos sinalados é o CARPENTO que ten raíces galas. Pero con todo tal vez sexa o legado ritualista dos devanceiros da pasaxe fluvial da deusa indoxermánica HERTA no seu CAR-NAVALIS ou no denominado por RADEMACHER “Currus Navalis” quen nos aclare a feitura barquiforme que aínda hoxe garda o noso carro; este festexo sinalaba a apertura da navegación, o enceto da primavera e del incluso se di que é a orixe do noso ANTROIDO ou CARNAVAL.

Os Celtas acadaron unha grande sona coma constructores de carros; pero KRÜGER afírmanos que “A identidade entre o carro do Norte, Noroeste e Oeste da Península e O PLAUSTRUM dos romanos é tan manifesta que nos sentimos inclinados a consideralo coma herencia cultural deste pobo”.

O uso do carro polos habitantes dos castros e incluso en tempos anteriores é pois un feito xa probado; a isto temos que lle engadilo que nos cita GÓMEZ MORENO de que nalgunhas citanias do DOURO se atoparon pegadas ou sinais de rodas.

Os romanos empregábano para o transporte de mercancías, para conduci-los víveres e as bagaxes do exército. Os Galos, os Bretóns e os Helvecios tamén se serviron del. Este tipo de carro con todo aparece representado na columna TRAXANA e noutros monumentos, en el figuran dúas rodas e a cada beira dos seus traveseiros levaba uns buratos sobre dos que se fitaban as estacas que sosterían a carga.

Non temos coñecemento de cal sería a súa primitiva estructura e ata ignoramos tamén a súa posterior evolución; pero con todo, case nos atrevemos a dicir que atallando no tempo este non foi sometido a cambios moi sustanciais.

En fin, do carro falan moitos estudiosos entre os que citamos a: Xaquín Lorenzo, X. Ramón Mariño Ferro e Otero Pedrayo entre outros. Nos eidos literarios noméano nas súas obras escritores coma: Valle Inclán, Otero Pedrayo, Neira Vilas, Blanco Amor, Cunqueiro, Cela, etc. Cántanlle poetas do tipo de Rosalía, Manuel María, Cabanillas, Cuña Novás e máis. Xa para logo esculpíreno e pintáreno artistas coma: Soutomayor, Xosé Lois, X. Minguillón, Laxeiro, Colmeiro, Maside, Pesqueira, Acuña e outros; e os debuxantes: Castelao, Atomé, Requeixo, Venturam Cebreiro, Lalo e outros, segundo nolo fai saber Bernardo Vázquez Gil.

Mais hoxe son moitos os xornalistas que o seguen a mentar nos seus traballos diarios; entre eles cito o que realizou o señor Trapero Pardo en “El Progreso” baixo o titular de ¡MEU CARRIÑO CANTAREIRO!, con data de 20/2/94.

Galicia no eido musical conta con moitos cantores de seu, eles tamén levaron o carro ás súas interpretacións. Así temos que citar artistas coma Xil Ríos, Mini e Mero da Quenlla e Amancio Prada; e grupos musicais tales coma Fuxan os Ventos, O Carro, e A Roda que nos canta así…

Aínda que son da mariña
son mariñán (e).
O fungueiro do carro
levo na man (e).

Os regueifeiros de vello, seguno nolo comenta Andrés Suárez no labor por él titulado A Regueifa cantábannos desta maneira…

A regueifa hoxe é de trigo
é de trigo buratado,
que a barutóu a novia
polas canizas do carro.

E para rematar farémolo con este canto que Amancio Prada fai figurar no seu xa tantas veces interpretado “CARAVEL DE CARAVELES” e que di…

Vamos co carro de esterco
di tu, Manuel.
-Pola corredoira arriba

E no meio do esterco
di tu, Manuel
-Vaiche a filla de Palmira.

Torna o gando “José”,
ergue o lombo do chan.
Colle os bois pola corda,
non seas lacazán-

Onde vai o meu Lorenzo
di tu, Manuel.
- Onde vai o condenado.

Hai tres días non o vexo
di tu, Manuel.
-Esta durmindo no carro.

Torna o gando “José”,
ergue o lombo do chan.
Colle os bois pola corda
non seas lacazán.
Otero Cebral, Xosé Luis
Otero Cebral, Xosé Luis


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES