Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

No paraíso de Celso Dourado

miércoles, 14 de septiembre de 2016
Este verán tiven a oportunidade de visitar o Eido Dourado, un espazo creado por Celso Dourado que se inspira nas antigas casas torre medievais para construír a partir dos anos 80 o continente da súa obra. Cómpre dicir que Celso perdeu as dúas mans nun accidente cando tiña oito anos, o que non lle impediu converterse nun creador e, despois de formarse en Madrid, Lugo e A Coruña, expoñer e publicar regularmente; ademais de participar en exposicións colectivas de carácter internacional.

Nada máis entrar no Eido Dourado atopamos a auténtica declaración de intencións que da razón de ser ao lugar. É un espazo para a arte no que Celso quixo albergar a súa obra, construído polos e cos seus propios medios sen axudas de ningún tipo. Polo tanto estamos ante un creador que foi capaz de levantar en pedra e lenzos un soño que acolle a súa propia identidade.

A obra de Celso é unha obra profundamente crítica e humanista. Os cadros son un berro infindo polos dereitos humanos e pola memoria de quen foi aldraxado e pagou coa propia vida o seu amor pola liberdade. A pintura de Celso é un continuo clamor contra a violencia independentemente do país ou as circunstancias nas que se exerza. Percorrer as salas de exposición é volver a indignarse contra as cadeas que a humanidade tece para reproducir unha e outra vez a historia da barbarie en distintas terras e distintos tempos.

A temática da opresión parece omnipresente en Celso, que a través de cordas, cadeas ou reixas amosa como o máis belo da humanidade queda aniquilado nas mans do fanatismo. Estou a pensar no seu cadro "O piano" onde unha persoa tenta facer música nun piano mentres teme uns ollos que sente sobre ela coma poutas.

Outra composición, "Bonecas esquecidas", amósanos rostros metidos nunha caixa cercada de cordas. Procura Celso unha variedade cromática para compoñer obras que provocan claustrofobia e nos levan ao mundo da opresión para ferirnos e reclamar a nosa reacción contra todo aquilo que está favorecendo a vulneración sistemática dos dereitos humanos.

Quizais teñamos aquí a misión fundamental da obra de Celso: loitar polos dereitos humanos en todo tempo e lugar. Neste sentido o pintor define o Eido Dourado coma un froito da resistencia, a mesma resistencia que el admira e inmortaliza en todos aqueles que se negaron ao longo da Historia a renunciar á liberdade inherente ao ser humano.

Estamos, pois, ante a obra dun resiliente libertario que constrúe en cada pincelada un mundo ceibe. A liberdade pola que el mesmo loitou e dende a que crea para denunciar e denuncia para camiñar cara un mundo onde vivir non sexa un crime e onde todos os pobos sexan espellos de liberdade nos que agromen os amenceres que a Historia nos debe.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES