Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Manuel María narrador

sábado, 10 de septiembre de 2016
Manuel Mara narrador Manuel María é dos poetas referenciais da literatura galega da pasada centuria. A súa abondosa produción neste xénero e a gran popularidade que adquiriu coa musicalización dalgún dos seus versos fixeron del un autor de perpetua actualidade, que acompañou coa súa palabra varias xeracións ao longo de máis de medio século de intenso labor creativo.

Mais o que talvez non se salienta tanto -e debería- é a importancia que tivo noutros eidos, como a escrita teatral, o ensaio e o xornalismo e, sobre todo, a narrativa, xénero este no que desenvolveu un amplo quefacer durante máis de catro décadas.

Deixando á parte as prosas infantoxuvenís e algún relato solto que publicou nos anos noventa, o groso da súa obra narrativa concéntrase nun período de vinte anos, que vai dende os comezos dos cincuenta ata os anos inmediatamente anteriores á chegada da Democracia. Neste tempo apareceron catro historias no volume colectivo Presencia de Curros y Dª Emilia (1951) ás que sumou outras tres para compor Contos en cuarto crecente (1952). Logo viñeron outros dous relatos longos dados á luz en Grial en 1965 e 1966 e, finalmente, o libro O xornaleiro e sete testemuñas máis (1971).

Na Posguerra a narrativa galega triangulou en tres vértices: a prosa realista, a fantástica e o cambio de ritmo que achegou a chamada Nova Narrativa Galega. A escrita de Manuel María responde, en maior ou menor medida, dependendo dos casos, a algunha destas tendencias. Mesmo por veces hibridou nalgún libro varias ou todas elas. Por tanto, o de Outeiro de Rei foi un narrador do seu tempo, sensible ás modulacións literarias que naquela altura se conformaron.

En síntese, poden distinguirse tres etapas no Manuel María narrador: unha primeira que iría dende os inicios en 1951 ata andados os anos sesenta; unha segunda que coincide cos comezos dos setenta e unha derradeira etapa con historias aparecidas nos noventa.

O Manuel María narrador de primeira hora concrétase nos Contos en Manuel María narradorcuarto crecente e mais nos relatos longos “As augas van caudales” e “Os alugados”. Os textos do libro comparten un mesmo gusto pola prosa de filiación poética, as descricións paisaxísticas, a presentación de amores románticos e, en xeral, un tecido reflexivo puramente adolescente, sempre a debaterse entre a madureza da dúbida existencial e a inxenuidade xuvenil. Da súa parte, as historias da revista ancoran máis na reflexión filosófica e a crítica social, non estando exentas dun marcado telurismo e mesmo dun descritivismo en ocasións etnográfico.

Consonte á profusa produción poética socialrealista e patriótica das décadas dos cincuenta e sesenta, Manuel María practicou en O xornaleiro e sete testemuñas máis e Kricoi, Fanoi e Don Lobonís unha escrita que se caracteriza pola decidida vocación de compromiso e denuncia social, o que concorda co forte activismo político que o chairego desenvolveu nese tempo. Alén diso, estes relatos zumegan tamén un intenso lirismo, o que converte moitas das súas pasaxes máis descritivas en verdadeiros poemas en prosa, rebordantes de metáforas, símiles, anáforas e cadencias fonosimbólicas.

A última etapa, a dos anos noventa, rexistra tres textos breves: a Novena a Santa Isabel (1995) ―unha prosa de difícil adscrición, que resulta ser unha singular recreación do novenario canónico relixioso pero con adicións de pequenos relatos ficticios de milagres obrados por Santa Isabel no seu Outeiro de Rei natal―; o conto “O milagre de Santiago Apóstolo que non figura no Códex Calixtino” ―onde se xoga, novamente, co relixioso e mais co lendario― e a historia “Discurso de ingreso nunha das reais academias galegas do numerario electo M.H.V. que trata de un dos sucesos máis memorábeis acontecido na histórica e ben amada vila de Outeiro de Rei da Terra Cha”, de título abondo descritivo, puro sarcasmo e polarización política.

En conclusión, pode afirmarse que a obra narrativa do autor é unha faceta de relevo no conxunto da súa escrita, pois ofrece unha variedade de fórmulas ben estesa na que predominan temas como o amor, o universo da infancia, a comuñón do ser humano cunha paisaxe e unha terra vitais e, ante todo, o compromiso social, adapte este os subtemas concretos do mundo da emigración, da crítica ao caciquismo ou de calquera outro abuso de poder. Canto á técnica, as preferencias pasan polo acusado lirismo, o gusto pola prosopopea e a fábula e mais o emprego do recurso epistolar. E por remate, salienta tamén o autobiografismo que percorre e informa moitas das súas historias, cheas de elementos reais ficcionados ou, por veces, reproducidos máis testemuñalmente, elementos todos que confirman o interese do Manuel María narrador.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES