Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Neva negro

sábado, 10 de septiembre de 2016
Neva na miña aldea dos Quintairos de Amoroce. Estou certo de que non o crerá, pero eu asegúrolle que neste mesmo intre no que compoño esta columna, sobre o chan da miña aldea van caendo mainamente pequenas e non tan pequenas "folerpas" insólitas, que entre o fumo en suspensión apagan de vez o día e achantan ese sol que durante os últimos meses nos ten queimado ata a sombra.

Neva nos Quintairos de Amoroce. E neva negro. Folerpas de verán que transporta o vento cambiante polo aire da nosa provincia, dinme que dende os montes do Quinxo, xusto por riba da Illa, alá en Entrimo, a uns 30 quilómetros en liña recta medidos polo "Sixpac", que non deixa lugar a dúbidas.

Neva negro, unha vez máis. Ata cando!

Lembro, entón, dende a distancia relativa, o "Penedo que toca", o "Castelo da Pica" a "Corga do Porto do medio", o "Pedreiriño" e sobre todos eles a "Pena de Anamán" alá ó lonxe, lugares todos que me ensinou a admirar José Costa, un vello amigo natural da Illa ó que non tiven oportunidade de despedir porque a última vez que me chamou dende a súa Lleida residencial, malia saber que xa ía maiorciño, non maliciabamos nin el nin eu que ía ser a derradeira.

É, este abafante verán, o primeiro que pasa a Illa sen el a súa totémica presencia, despois de que nos últimos meses do inverno, xa nonaxenario, cumprise un productivo ciclo vital e se marchase completamente namorado, mesmo coma se fose un rapaz de quince anos, da súa terra natal, ó pé dese mítico Quinxo sobre o que el mantiña a teoría de que entre as súas masas rochosas se atopaba o mítico "Medulio" de onde descendemos todos.

Neva negro sobre a miña aldea de Amoroce e por veces as folerpas semellan transformárenseme en bágoas que o meu apreciado José derrama dende o alén, ó ver cómo un ano máis esa terra para a que el tiña ideado ó longo da súa vida tantas e tantas veces un sen fin de propostas de futuro, coma no monte Medulio se suicida, no día a día por inanición e cando chega o verán simplemente abrasándose.

Neva negro sobre Galicia mentres os que nos van gobernar peregrinan de aquí para alá lanzando proclamas adventistas e botándolle a culpa uns a outros e os outros ós de máis alá, porque a culpa morrerá solteira, e ninguén se sente responsable de que uns seres oníricos se dediquen -se aínda sabermos por qué- a queimar os nosos montes.

Neva negro por aquí e por alá e mañá será outro día. Uns volverán botarlle en cara a mangueira a Feijóo e Feijóo volverá botarlle a culpa á mesma trama á que dende tempo inmemorial lla botaron Romay, Fraga, Touriño, Suárez Canal e todos cantos tiveron algunha responsabilidade neste suicidio medular ó que nos temos abocado.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES