Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A mestra das saias longas (5)

martes, 13 de septiembre de 2016
Xa na casa:

-¡Ai Amaliña, hoxe non te poñas con papeis, que teño que ensinarche a fiar e a calcetar…, xa que antes non o fixen! Estase metendo o inverno, e ti, con esas medias de algodón…
A mestra das saias longas (5)
-Aquí, tras da cociña, non lle teño frío…

-Unha muller ten que saber de todo, pois, sen saber mandar non se pode mandar. Mañá veñen as fiadoras, e sería exemplar que te vexan calcetando, ou mellor aínda, facendo nun xersei, que así podemos dicirlles que o fas para dárllelo aos pobres de Lugo, tantos que hai! Teu pai di que iso é dema…, dema non sei que!

-Quererá dicir, demagoxia!

-¡Iso, iso! Seica non vén nos libros, pero nós, estes das Casas Grandes, precisamos desa sinatura para…, para seguir sendo grandes, para que se nos teña por tales!

-Mamá, déixate de grandezas, e non esquezas aquilo de que, O que se humilla será enxalzado.

-¡Ai, Deus, o Cura; e menos mal que mo recordaches!

-¿Que pasa co señor Cura?

-¡Que vai pasar, que o invitou teu pai a comer, e nós aquí, dálle que dálle á lingua, e eu sen lembrarme que aínda teño sen asar o cabrito…! ¡Veña, muller, adonáirate, que me tes que axudar, pois a criada, xa sabes, vai en Córneas, na súa casa, que lle pariu unha sobriña, e dinlle permiso!

Menos mal que a bilbaína, e máxime con estelas de carballo, asaba máis cás chamas do inferno, pero así e todo chegou o crego antes de terlle a punto aquel cabrito…, aquel cabrito que lles levara o caseiro de Gondel, para telos contentos.

-Don Filiberto, pase ao salón, que está aí o meu home, e daquela danlle a volta ao mundo…, mentres nós lla damos ao cabrito!

-Dona Concha, ¿non quererá que o asemos…, iso, o mundo?

-Don Filiberto, refírome ao cabrito…

Nas Casas Grandes, en pleno franquismo, levarse ben co Cura era signo de distinción, ademais de adhesión…, ¡adhesión inquebrantable a los Principios del Glorioso Movimiento Nacional! O país estábase izando coma quen iza unha cruz, a base de esforzos e de emigración, que comezaba a habela! Xa pasara aquilo de, La espada al servicio de la cruz; pasara, ou non, segundo os casos, segundo e como se vise, pois algún pensador, que sempre os houbo, iso, pensadores, xa que pensar é de vagos, como lles pasaba aos gregos, opinaban que en España máis ben estivera a cruz ao servizo da espada, comprometendo aquela independencia da Igrexa independente, da fundada polo propio Cristo, aínda que desviada polos propios cristiáns.

-¿E logo, que me di deses que chegan tarde á Misa? ¡Mire que nós podíamos pedirlle que viñese celebrar á nosa capela, que ben sabe que temos esa galería que permite oí-la Misa desde a propia cama do matrimonio, pero facemos o esforzo de madrugar, e pateamos ese quilómetro sen queixa algunha, sempre puntuais, que por veces xa estamos dentro cando o sancristán arremete co terceiro dos toques!

-Xa, pero, ¿que podo facer, que ata lles dou aos sinos de tocar a Santos, pero esta xente, que aínda cheira á República, prefiren saudarse no atrio antes que axeonllarse diante do Santísimo?

-¡Non sei, non sei; igual se pasase a Misa maior para as doce e media…, para que tivesen tempo de volver ás casas os da Misa de cedo, e face-lo relevo nas propias casas…; xa lle digo que non o sei, pero moléstame estar rezando, e outros ruxindo nos bancos para sentarse!

-Para vostedes o mellor remedio, ¡que llelo teño dito!, será poñer dúas cadeiras na dianteira, como seica tiñan os antigos donos deste pazo. ¡Pénseo, que por min non hai inconveniente!

-¡Xa, xa, por vostede, pero…, esta parroquia, que se non chega a ser polos fusilamentos do 36, arestora tíñanme fusilado, eles! ¡Xa sabe, aquilo que dicían, aquilo que reclamaban, de que lles tiña que devolver as chousas que cerrou meu pai…; meu pai, facéndolles un favor, que así non teñen que tornar do seu gando, que por algo cerrou o patrucio, para aforrarlles traballo!

-Niso non quero entrar, pois a min ben se me dixo que cerrou montes comunais, do común!

-Si, señor, do común, que ese conto andou, pero, ¿á que non sabe por que foi, por que o dicían? ¡Dicíano porque eran comunistas, todos, a feito, e iso xa antes de nacer ese Carlos, ese Marx, a quen Deus confunda!

Foi oportunísima Amalia, que lles interrompeu aquela conversa tan espiñosa, para anunciarlles que a mesa estaba posta…, na propia cociña para que o señor Cura non pasase frío!
-.-

-Mamá, estaba desexando que se fose o señor cura, e mais é moi ameno na conversación, pero estou intrigada con iso de que sigamos cultivando liño: tanto liño, non sei cantos feixes que enriamos daquela, por xuño, e agora, vinte persoas, os homes para trillalo, e as mulleres para fialo. ¿Imos montar unha fábrica de liño, ou é para nós? En ambos casos o que vexo é que agora, aínda que caras, volve a haber sabas de Holanda; e ti, precisamente cando me levaches para matricularme na Normal, mercácheslle ao Amaro cobertores de Zamora, e mantas de Palencia. Se o fas, co lista que es, terás as túas razóns, pero estoume afacendo a non aceptar nada que non teña unha explicación racional, ou lóxica.

-Mira, muller, nisto tes e non tes razón. Mentres non emigren as tecedoras, temos que aproveitarnos delas. Con este liño imos facer sacas para a fariña, e trapeiras, non para poñelas na cama, senón para alfombrar as habitacións. ¿Para que imos comprar alfombras, e sacos, podendo facer todo iso coma quen di de balde, utilizando os servizos da xente que nos debe favores? ¡Se non cobramos en traballo, favores perdidos!

A filla, futura mestra, deu preferencia ao seu criterio filial, estimando que, de momento, ¿quen era ela para discutirlle a unha nai que facía por conservar o patrimonio herdado, fose ben ou mal ganado? Pero aquela experiencia non a ía botar en saco roto, senón de liño, para conserva-la fariña, e remoela cando estivese mellor preparada. A propósito do liño:

Sabido é que primeiro estiveron de moda as follas de parra, e despois, tan pronto como Adán agachou a cabeza e descubriu que as lascas de pedra podían utilizarse como coitelas, esganifou unha ovella e regaloulle á súa Eva un…, un abrigo de peles, fachendoso! (A ovella comérona asada ao espeto, por suposto). Pero Eva non estivo conforme porque deu en ter fillos e sentíase moi pesada coas peles, así que un bo día, de enfadada, púxose a retorcer na lá do seu abrigo descubrindo que da lá podíanse facer fíos! A pelica pasóullela aos fillos, aos fillos e tamén as fillas, pois ademais de abrigalos eran doadas de lavar cando facían nela as súas necesidades fisiolóxicas. ¡Eureka!, seica exclamou Eva, coa escuturrida que era. Coa lá fiada, fíxolles bragas, pero iso foi desde que se tiveron de pé.

Pola súa parte Adán, ocupándose da horta, decatouse de que aquela plantiña das flores azuis, de restrelada coas mans, quedábase en fibras longas pero resistentes, bastante parecidas aos fíos de lá obtidos pola máter familias. ¡Outro eureka! Como se levaban bastante ben, aínda que fose á forza, pois o anxo dixéralles que, O que Deus arrexuntou non pode separalo o home!, cambiaron impresións, e chegaron á conclusión de que, urdindo con liño, e tapando con lá, saían…, colchas! Desta vez o eureka foi mancomunado!

Amalia, participando naquelas labores, que é a mellor maneira de aprender, fixo propósito de ensinarlles aos seus alumnos, no seu día, todas e cada unha daquelas manipulacións téxtiles, pero o caso foi que deron en vir as fibras artificiais, sintéticas, quedándolle obsoleto aquel propósito. O que lle serviu de moito foi a reflexión, íntima, intensa, baseada naquelas observacións, de que,

. Traballar en equipo é estimulante, pois incluso aviva o bo humor.
. Os individualismos son egocéntricos, e como a limitación humana é un feito, nada mellor que sumar ideas para ir seleccionando as boas, puíndo as regulares e rexeitando as malas.
. Que o ensino non debe ser uniforme senón adaptado ás capacidades e ás tendencias de cada quen, interactivando, fomentando a interacción do alumnado, e mellor aínda se a escola é mixta, pois ten as vantaxes de que os alumnos afanse a vivir como irmáns, comprendéndose, aceptándose e respectándose.
. Que os peores reis deste mundo foron aqueles que se criaron con un aio persoal, individual, situación ou monopolio que os levou a converterse en ditadores salvaxes.
. Que todos aprendemos de todos, e que non hai traballo, por manual que sexa, que non teña a súa ciencia. ¡Os avances veñen de observarnos uns aos outros, propoñendo e intercambiando experiencias!

Aquela noite, entre o cansazo e mailos pensamentos, durmiu pouco, pero medrou moito…, aló por dentro, que é onde temos as grandes magnitudes!
.../...
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES