Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O cambio climático afecta a novos e vellos

jueves, 08 de septiembre de 2016
O domingo día 4 de setembro tivemos na parroquia de Santa Locaia de Castro de Rei a confirmación de 16 mociñas e mociños de nove parroquias. Non se confirmaron todos os que estaban en idade de facelo, pero a maioría si. Fixérono libremente, pero sen garantías de daren moitas mostras externas de práctica relixiosa.

Teñen eles e as súas familias o mérito de participaren na catequese sen interrupción desde os seis anos. Pero tamén a eles, coma a todos, lles afecta o “cambio climático” relixioso. Ou sexa o clima social actual que non favorece especialmente a práctica relixiosa.

Foi una celebración lucida e ben organizada polo actual cura de parte destas parroquias, Javier Rgz. Couce, meu compañeiro, cura e cirineo. O Señor Bispo novo da diocese de Mondoñedo-Ferrol, Don Luís Angel, estivo cercano, cariñoso e distendido, sen preocuparse excesivamente de mitra e báculo.

Coincidiu esta celebración coa comida veciñal de Santa Locaia. Debaixo dunha carpa entre carballos xuntámonos unhas oitenta e sete persoas, prás que 20 euros máis ou menos a fin de ano non significan moito, e en cambio, cultivar a amizade e un amigo máis ou menos, significa moito. Ese día o Bispo, que non se privou diante do pulpo nin do churrasco, fíxose un amigo maís dos comensais e estes del.

Non levei gran peso nos actos, pero dadas as miñas poucas forzas e o tempo que pasei sen poñer a maquiniña do osíxeno, acabei canso. Cando cheguei á casa funme deitar enriba das mantas. Teño un televisorciño na habitación que desempeñei en menos dun ano co que aforrei en copago de pastillas para durmir, porque me adormenta mellor a tele có valium ou o trankimazin. Parei de zapear nunha película española que me pareceu interesante; pero a pesar do interese, comecei a quedarme medio trasposto e nisto sinto un ¡¡Me cago en… Cando abrín os ollos aínda estaba o subtitulado, que case sempre ven con algo de retraso, e puiden ler: Dios!! Aparecía con maiúscula. Non podo negar que unha blasfemia dita nunha película desacóugame moito máis ca escoitada a un paisano que se lle escapou sen pensalo; porque na película hai que escribila e, se cadra, ensaiala para que denote a rabia contida que a xustifique.

Lembrei aqueles tempos nos que comezaba o destape e algunha actriz dicía que ela só se destaparía se o esixía o guión, e claro, o guión esixíao en función da recadación e da reconquistada liberdade de expresión. Entón cavilei: pois pode ser que a blasfemia a metesen tamén por esixencias do guión. Repasei o que levaba visto e seguín con atención o que faltaba de película e cheguei á conclusión de que efectivamente, se suprimen esas catro palabras, a película non valía case nada e en cambio así o mesmo podía optar a un Óscar, por reflexar moi ben a realidade e ó mesmo tempo creala, porque a televisión é a nova palabra de dios con infinidade de seguidores.

É curioso que non se diga: “Dixo fulano de tal na televisión”. Non. Dise: “Dixo a televisión” e iso ten tanta forza que resulta irrebatible.

Hai uns poucos anos dicíase: “Pódese estar escoitando a radio as 24 horas que non oes una mala palabra”. A culpa é miña por facerme vello e ser coxo e non saber andar cos tempos ou non saber adaptarme ó mesmo “cambio climático” no que viven sen remedio os nosos mociños e mociñas.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES