Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Tempos da tona

jueves, 08 de septiembre de 2016
Que vivimos tempos nos que todo é superficial, é unha evidencia que, por evidente, resulta tan transparente coma un cristal, polo que nin sequera nos decatamos de que camiñamos sobre ela como camiñan eses insectos de patas longas sobre a auga coa tensión superficial como aliada.

Define, o dicionario da RAG, a "tona", na súa terceira acepción, coma a "capa sólida formada sobre un líquido, especialmente a que se forma coa graxa do leite cando se deixa en repouso".

Pois ben, tendo en conta tal definición, atrévome eu a cualificar os tempos nos que nos ten tocado vivir como "tempos da tona" (aínda que tampouco erraría moito se trocase o "t" de tona por un "c"), nos que ninguén, en practicamente ningún orde da vida, trata de afondar o máis mínimo para procurar explicacións ó que lle acontece ó seu redor e, con ese exercicio tan simple pero que esixe un esforzo e un compromiso, tratar de entender que é o que acontece ó seu redor.

Vexamos, senón:

O xornalismo, que viña sendo por principios, un exercicio de documentación, análise, estudo, información e reflexión posterior por medio do columnismo, móvese agora a través de micropezas informativas que non superan os 140 caracteres, concretamente o que neste mesmo parágrafo vai dende o "O" que lle dá inicio, ata o "s" de "través". É dicir, a Biblia!

Como todo está no "google", xa non nos preocupamos de saber nada de nada porque cando o necesitamos saber algo, só con teclear unha palabra e aparece alí na pantalliña do teléfono ou do ordenador -pobriños e ignorantes de nós- xa pensamos que o sabemos.

E, como a política non deixa de ser un espello de nós mesmos, por máis que algúns continúen sostendo a absurda teoría de que os políticos tráeos a gaivota do PP de Marte ou afloran da rosa do PSOE coma formiguiñas vermelliñas, resulta que toda a política -toda!- non sabe facer outra cousa ca camiñar sobre a tona do leite, a través de microspots televisivos, twitts, whatsapps, sms, microvídeos no youtube e outra multitude de microcaralladas "virais", centrándose na inmediatez da mensaxe emitida e non no seu verdadeiro contido.

Só así se entende que empecen a asomar polos catro puntos cardinais das formacións políticas -vellas e novas- cantos de sirena sobre un acordo unánime destinado a modificar a Lei Electoral co único obxectivo de acurtar a campaña electoral, simplemente para que a xornada electoral non coincida o día 25 de decembro, no canto de centrárense -que tempo teñen tido- en redactar unha nova Lei que volva evitar este ridículo cósmico que estamos a protagonizar e a "retwittear online" ó mundo.

En fin, que vivimos tempos da tona -se quere póñalle o "c"-, que irán a peor. Estou ben seguro!
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES