Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O prometido e obrigado Museo de Portomarín

viernes, 12 de enero de 2007
Unha nova e especial oportunidade que non se debe estragar.

O pasado xoves, a portavoz do PSdeG-PSOE de Portomarín Silvia Rodríguez denunciou en La Voz de Galicia (La Voz de Lugo) “el total abandono en el que se encuentra el edificio que iba a ser destinado a museo etnográfico”, tantas veces prometido a este pobo que considera unha inxustiza esta débeda pendente despois de 46 anos de espera. O escrito ven a dicir, con máis moderación e menos agresividade e retranca có que se lles mandara, días antes, aos veciños de Portomarín no Boletín Informativo do PSdeG-PSOE deste mes.

No escrito cúlpase ao goberno actual (PP) da situación e abandono do edificio (antiga praza de abastos), da necesidade de peches e pechaduras, “pésimas condicións” da edificación e tamén, de paso, do almacenamento de “una buena parte de los muebles viejos e incluso alguna figura de madera” que chegaron ata ese estragado local desde o Pazo de Berbetoros (reitoral vella de San Pedro ou “casa da marquesa”), propiedade da Diocese de Lugo, onde xacían resgardados/as e houbo que retirar ao se realizaren obras na nova reitoral feita por Fenosa.

Sen entrar no xogo político e menos nas súas liortas interesadas, despois de lembrarlles a todos os grupos (desde o goberno á oposición) que teñen a obriga de seren os primeiros en se unir e loitar, de xeito positivo, por enriba das súas ideoloxías, na defensa, decidida, firme e valente dos intereses comúns do pobo... paso a subliñar algúns detalles obxectivos do que aconteceu, estes días pasado, na sempre tranquila e pacífica vila xacobea de Portomarín.

O pasado martes (día 9) invitado por dous veciños, fomos ver e confirmar os tres (con amargo asombro, algunha bágoa, moita tristura e mesmo rabia contida) o que se anunciaba no boletín, multiplicado por mil. Aqueles “muebles viejos” e “alguna figura de madera” eran, nada máis e nada menos, que uns ricos e importantes restos (pezas soltas) de altares, retablos, predelas, capiteis, columnas (barrocas), fornelos, ocos de imaxes, figuras de anxos enteiros (ou só mans e pés), un oco tallado e pintado dun altar (moi coñecido/lembrado) case completo, un sagrario, un relicario...e unha man chea de tabulas talladas e pintadas. Todo iso indica que estamos ante “un auténtico achado/tesouro” que considerabamos perdido e que se conserva e se pode restaurar para que, algún día, poidamos contemplar as “auténticas xoias” que, sen dúbida, corresponden a unha (ou ás dúas) das vellas igrexas de Portomarín (San Xoán e San Pedro).

A desfeita foi enorme. Pero hai que pensar e traballar en positivo. Desde agora mesmo temos “algo novo/vello que coidar/protexer” coma o verdadeiro tesouro artístico, histórico, cultural. Outra riqueza engadida á que xa posúe a fermosa e monumental Vila Xardín. Non só por sentimentalismo (que tamén) senón coma unha obriga cara a historia do pobo. Creo que é o momento oportuno e a hora axeitada para retomar a vella idea duns tamén vellos amigos. A de crear unha Comisión “Pro Museo de Portomarín” (non só etnolóxico) ou unha Asociación de “Amigos do Museo”. Estou seguro (porque xa me consta) que tanto a Igrexa diocesana (que mantivo sempre a actitude de que todo iso pertence ao pobo) coma os organismos implicados (Consellería de Cultura, Patrimonio, Concello..) están polo labor. O urxente agora é colocar en lugar seguro/aireado e catalogar (por mans expertas) ese valioso material, felizmente atopado, resucitado e liberado da fogueira ao que parece ser estaba destinado.
Mato, Xesús
Mato, Xesús


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES