136 de 5000: proa e rella sempre
Santalla, Iago - miércoles, 07 de septiembre de 2016
Anda polo facebook un interesante vídeo elaborado por Manuel Núñez Singala e Manuel Bermúdez Blanco, do Servizo de Normalización Lingüística da USC, que nos amosa a influencia do idioma galego en datos partindo da idea de que calquera lingua, por pequena que sexa, merece respecto e protección como creación humana colectiva.
A partir de aquí empeza o mellor: os datos desmenten a pretendida febleza do galego ata convertela en falacia. Resulta que como lingua ocupa o posto 136 de 5000 que existen no mundo, está entre as 118 linguas de google, entre as 70 de Facebook e ademais ocupa o posto 49 en tradución de libros e o 37 en internet. Para ter tanto pseudolibertario en contra non está mal...
Vai ter razón Mini e coma sempre "rexurdimos outra vez". O que teñen que aprender algunhas persoas é que a mentira ten as patas moi curtas, que o prohibido sempre acaba agromando, que as falacias acálanse con datos e que o prexuízo comparte cadaleito coa ignorancia.
Todos os idiomas son portadores do gran tesouro cultural da humanidade e cando un morre a humanidade fica máis pobre porque perde o gran herdo das transmisións xeracionais.
Como nos di Celso Emilio animémonos a:
falar a fala nai
a fala dos abós que temos mortos,
e ser, co rostro erguido,
mariñeiros, labregos do lingoaxe,
remo i arado, proa e rella sempre.

Santalla, Iago
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora