Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Penso, logo estorbo

lunes, 05 de septiembre de 2016
O filósofo Manuel Kant incitaba a atreverse a pensar, a ser autónomo a non se deixar manipular. Sempre houbo manipulación como estratexia de dominio e de control. Podemos enumerar algúns tipos de manipulación que seguen a ter plena vixencia:

-Mentira flagrante e descarada -o mentireiro é un covarde e un irresponsable, non responde, estende a culpa sempre aos demais xa sexa “á pertinaz sequía”, á conxura xudeu-masónica- marxista e, se non chega sempre quedaría Zapatero.

-Omisión de información, verdades a medias, propagación de rumores que se dan como noticias certas, desinformación, descontextualización; estratexias de distracción con noticias que non chegan nin á categoría de anécdotas, (se Albert Rivera foi cear a Segovia, Pablo Iglesias está moreno, Garzón ten noiva ou Pedro Sánchez manda un ramo de flores á súa muller).

Outras noticias e mensaxes ocultan intencionalidade, por exemplo, se se di que tal político visitou un santuario ou rezou a tal santo para que se acabe o paro (cousa que sabe que non fará) está enviando unha mensaxe subliminal de persoa relixiosa. Tamén, poderíamos concluír que entón el sobra e habería que poñer a tal santo ou santa de ministro ou de conselleiro.

-Promesas que xa saben que nin queren nin poden cumprir. Foi moi famosa aquela de acabar co paro en 45 días. O autor de tales promesas é un estúpido. Agora andan coa promesa de suprimir as Deputacións, algo necesario por hixiene democrática, pero case imposible pola inercia caciquil do mesmo sistema. Nin a provincia ten sentido dentro do sistema autonómico.

-Outro método de manipulación consiste en fabricar un problema para que se acepten medidas dolorosas. Xa o vimos non hai moito tempo, díxose: vivimos por enriba das nosas posibilidades, é dicir, pecamos e agora toca penitencia traducida en recortes e austeridade.

-Estratexia de gradualidade; que o PSOE facilite a investidura e o goberno de Rajoy para que continúe coas súas reformas, a saber, menos dereitos laborais, menos salarios, máis desigualdade: 0 1% da poboación española concentra tanta riqueza coma o 80% dos máis desfavorecidos ou que 20 persoas posúen 115.000 millóns de euros.

-Recortes en Sanidade, abonda un dato, a metade dos galegos pagan o 40% do prezo das medicinas e a privatización de moitos servizos. Os dous grandes nichos que o neocapitalismo-liberal quere facer de seu son a sanidade e a educación, una vez esgotado o ladrillo, polo camiño corrupción en cantidades industriais, escandalosamente tolerada polos encargados de evitala. O que realmente mide a corrupción é o trato que se dá aos corruptos. Cando se lles dá animos, “sede fortes” ou se poñen como modelos de goberno, non queda máis remedio que retirar da circulación política aos irresponsables animadores.

A esta situación non se chegou dun modo fatal, foi traballada e cultivada. Como consecuencia estamos diante dunha situación política moi complicada que soamente se pode superar mediante una profunda catarse guiada por persoas non contaminadas.
Pin Millares, Xosé María
Pin Millares, Xosé María


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES