Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Os Lampantíns e os Cara Lavadas

sábado, 03 de septiembre de 2016
Desde o Preguntoiro:
Os Lampantíns e os Cara Lavadas

Agora con esta escenificación teatral do pacto entre PP e Ciudadanos (a vella garda franquista cos seus cachorros) semellante a aquelas obras esperpénticas das que escribiu D. Ramón del Valle-Inclán. Puxeron en escena un acordo que xa estaba ensaiado de antemán fai unhas semanas, porén, para que tivera moito éxito esta obra, chamaron a todos os medios para presentala facendo fincapé en que era unha escenificación con actores de primeira liña e que sería aplaudida ata coas orellas polo grande público. Cousa que lendo o libreto ven sendo máis do mesmo, ou sexa, se non queres unha cunca de caldo tomas dúas, un plaxio.

Botei de menos na presentación ao director ou directores desta obra teatral, cousa que me estrañou, xa que polo normal son os que dirixen o cotarro. Estou a falar deses directores xerifaltes do “Consejo Empresarial para la Competitividad” o IBEX 35 (Acciona, ACS, Banco Santander, BBVA, El Corte Inglés, Ferrovial, Grupo Planeta, Inditex, La Caixa, Iberdrola, Endesa, Repsol, Telefónica, etc.). Empresas que algunhas delas foron públicas e vendidas polo PSOE e PP no seu tempo, tendo unhas portas xiratorias nos seus consellos de administración onde entraron unha caterva de ex-políticos que da noxo escoitalos cando botan a lingua a pastar, falan de máis recortes nas medidas económicas e loita contra o “fraude laboral”.

Manda carallo na Habana con estes voitres que falan de “fraude laboral”, cando algúns deles xamais emprenderon un negocio na súa vida, o digo por tratar de lembrar a quen foron adxudicadas as grandes empresas estatais nos gobernos de Felipe e Aznar, só é ollar as hemerotecas e sabemos quen son algúns destes escachapiollos das finanzas.
 
Estes sempre igual, quérennos engaiolar, non pagan impostos e por riba o levan cru para paraísos fiscais e queren ter un exército de escravos e farrapos, levan as axudas do estado, teñen máis beneficios que nunca a costa de empobrecer á cidadanía, son como ratas faltas de empatía, cunhas arelas de cobiza para encher o bandullo e teñen a cara como o formigón . Os únicos que pagan os impostos nesta Españistán son os traballadores e a pequena e mediana empresa

Non sei se moitos están decatados que neste país dos esperpentos non temos grandes empresarios, só corruptores en connivencia cos políticos corruptos. Se queremos que este país funcione, temos que eliminar das institucións aos ladróns de luva branca que son niño de corrupción e de roubo continuo.

Porén, os directores desta presentación teatral ante os medios por parte do PP e Ciudadanos, non estiveron nin se lles agarda, entre eles enténdense soamente con chuscar o ollo como beleigáns e lampantíns que son, e nós, os cidadáns do común, ollando desde o galiñeiro e patio de butacas os ensaios de como imos a esbroar en frangullas como pan de millo, e por riba moitos seguimos aplaudindo. Que siga a festa que vai boa e viva o viño.
Cardalda, Theo
Cardalda, Theo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES