Co Luscofusco
Cae o sol por detrás do outeiro, pero a calor segue a ser compañeira da nugalla. Non hai ganas de nada. Nin tan sequera de lanzar un asubío nin de chiscar o ollo esquerdo. Tan só unha pequena nube asoma polo horizonte. Unha pequena nube branca. Nin tan sequera é negra. Cruza de súpeto unha pega e quedo un tempo coa boca aberta, porque, agora, xa é raro incluso ver as pegas.

Que tempos nos que en media ducia de amieiros había dous ou tres niños de pegas! Si, que tempos! Queda a claridade acochada por detrás do outeiro e, por diante, a sombra nocturna empeza a ganar espazo. Ata aquí tamén o tempo pasa e todo cambia. Pouco a pouco, pero cambia. A noite gánalle terreo ó día e este déitase nos confíns do máis alá. Co luscofusco chega, mansiñamente, o silencio. Co luscofusco amortece, paseniñamente o ruído. Pero non así a calor. Esta segue a impregnar a pel de humidade e á nugalla de máis nugalla. Tan só a música do derradeiro mohicano fai posible que menee, que abanee a cabeza con ansia, con degoiro. Aquí, agora si, agora sae o asubío ó compás dos trebellos de Trevor Jones e case me dan ganas de chiscar os dous ollos. Miro para o outeiro e xa non vexo ningún resplandor. Tan só noto como o ruído se volveu silencio, e sinto como, a calor, pouco a pouco, dálle paso á calma, á pachorra dun fervello parsimonioso.
En silencio e devagariño
Seica aumentou o turismo que nin o demo. E porque a inmensa maioría non coñece Baños de Molgas. Que se o coñeceran xa veriades vós! O

problema de Baños de Molgas é que está mal publicitado. Nunca destacou por saír nos medios. Asoma nos xornais de Pascuas a Ramos e, para máis aquel, cando asoma... ás veces non é para ben. Certo, o caso é traballar ben, facer cousas na vila e nas aldeas da vila, pero, quen sabe diso? Andar de boca en boca non é tan rápido coma, por exemplo, na prensa escrita. Hai concellos que só que se varra un cacho dunha beirarrúa, xa se pregoa o asunto por todos os medios escritos e falados. O noso, con toda a potencia turística que ten, camiña en silencio e devagariño polas corredoiras dos medios de comunicación. Houbo arranxos no casco vello e souben deles cando remataron e mo contaron. Hai concellos que publicitan con moito bombo a simple limpeza dun metro cadrado de tal ou cal xardín ou parque. Nós temos o mellor parque do mundo mundial e universal e, si, claro que se limpou, pero se saíse nos xornais con algunha que outra fotiño, eh, que vos parece? Ai, ai, ai, que non sabemos vender o noso concello. Eu xa procuro iniciar as miñas cousiñas no feisbuq cun titular rechamante: Desde Baños de Molgas para o mundo universal, por aquilo das amizades feisbuquianas espalladas por toda a xeografía, pero hoxe en día tan só me len catrocentos e pico. Un xornal dá para máis, para moito máis. Sería bonito que alguén se encargase das relacións públicas.