Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Libros fantasma

viernes, 02 de septiembre de 2016
A Historia da Literatura Universal está inzada de libros que non foron, volumes que se escribiron, pero que nunca viron luz por diversas causas, principalmente extravío ou destrución. Son os libros fantasma, xoias de autores que hoxe reverenciamos e dos que nos gustaría conservar todas e cada unha das palabras que escribiron, vencendo así o fatum que nos roubou esa parte da súa xenialidade.Libros fantasma
Na Antigüidade clásica hai exemplos moi notorios do que falo. Sempre se conta que Sócrates non deixou ren por escrito da súa doutrina filosófica, pero é sabido que, mentres agardaba sereno a morte inducida que a cicuta lle reportou, escribiu versificacións das fábulas de Esopo que se evaporaron. E outro tanto podería dicirse do arquifamoso segundo libro da Poética de Aristóteles, do que nada quedou, irreparable perda que serviu a Umberto Eco para articular ao seu redor o non menos célebre O nome da rosa.

Os exemplos poderían multiplicarse (de Agatón, un dos máis célebres autores tráxicos helenos, non gardamos nin unha liña; a posteridade legounos só sete das moitas ducias de obras concibidas por Sófocles e do Margites de Homero, ao que parece a gran comedia do seu tempo, tan só sabemos polas referencias que dela fixo Aristóteles) e alcanzan todas as épocas. Velaí o Cardenio de Shakespeare, unha peza teatral que nos consta foi representada en 1613 e que partía da traxedia homónima de Cervantes, unha obra que, de conservarse, tería conectado creativamente estes dous monstros da literatura.

É seguro que o noso coñecemento da literatura inglesa romántica e da sociedade británica dese tempo mudaría se non esvaecesen as memorias de Lord Byron, un manuscrito que os avogados da súa viúva deron ao lume e no quen sabe se aprenderiamos máis sobre como viviu a independencia de Grecia na que participou ou verbo do fillo que parece tivo coa súa medio irmá, mesmo das moitas amantes aristócratas coas que compartiu as noites, pois un crítico da época que chegou a lelas dixo delas que “encaixaban só nun bordel e terían condenado a Lord Byron á eterna infamia”.

Perdidas tamén, talvez para sempre, están A illa da Cruz de Melville, que o autor silenciou e esqueceu tras ser rexeitada editorialmente; a primeira versión da memorable O estraño caso do Dr. Jekyll e Mr. Hyde, escrita baixo os efectos da cocaína, un manuscrito de máis de trinta mil palabras que semella era ben máis delirante que o que logo publicou e que non chegou ao prelo porque a muller do escritor lle aconsellou que esquecese aquel espantallo, así que o escritor acabou por botalo ao lume ou tamén O home pobre e a dama, a primeira novela de Thomas Hardy, ao seu propio ver o mellor que escribira e que nunca veu a luz.

Máis contra os nosos días a fatalidade cebouse coa novela A primeira Guerra Mundial de Ernest Hemingway, que perdeu a súa muller nunha viaxe de París a Lausanne, pois roubaron a maleta na que ía, o que acabou por custarlle o matrimonio. E xa non fatalidade senón complexos sentimentos son os que arrastraron ao poeta Ted Hughes a acabar coas cento trinta páxinas de Exposición dobre, a novela autobiográfica da súa esposa Sylvia Plath, onde a escritora semella que relataba un trío amoroso, tal como afirmou a crítica literaria Judith Kroll, que si chegou a lela.

Unha outra lacra privounos de moita e boa literatura: a intransixencia e o fanatismo de certos réximes autoritarios. Xa nunca saberemos que contaba a Masturbación do poeta Ibn ash-Shah at-Tahiri, pois o integrismo relixioso da corte abbasí impediuno. Nin coñeceremos tantos escritos de Isaak Babel que foron liquidados pola policía secreta de Stalin cando este foi arrestado en maio de 1939.

O azar, as debilidades humanas ou a incuria remataron por borrar da Historia todas estas e moitas outras obras, mais deixaron en nós a súa aura lendaria, unha pegada indeleble na que fulgura a grandeza de quen as concibiu.

O que nós perdemos
Tamén a literatura galega perdeu valiosa parte da súa escrita polos camiños da sombra. Poderían aducirse moitos exemplos, mais abondará con lembrar que a propia Rosalía mandou á súa filla que queimase os Libros fantasmaversos que escribira nos últimos anos e que non dera aínda a coñecer. Quen sabe se entre aqueles papeis non habería un outro Follas novas xa por sempre desaparecido.

Non por propia vontade senón por cruenta imposición acabaron por perderse varios dos libros que estaban a piques de se imprentar no prelo da mítica Nós en xullo do 36. Casal compuxera xa os orixinais, pero o asalto fascista ao local da Rúa do Vilar 15 e a destrución dos materiais que nel había fixo que nunca chegasen a ver luz obras como o libro de relatos Auga lizgaira de Ánxel Fole; o Diario dun médico de garda de Luís Pimentel; o primeiro volume dos Ensaios de Ramón Otero Pedrayo ou Os ruíns, un feixe de contos da autoría de Xosé María Álvarez Blázquez.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES