Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A creba da representación democrática

martes, 30 de agosto de 2016
Sabido é que, incluso coloquialmente, acostumamos a dicir que a democracia preséntase como o menos malo dos sistemas políticos de goberno, e supoñemos que así como hai distintas clases de democracia, tamén os males son respectivos á singularidade de cada unha delas, e non pouco á cultura política dos pobos que as estableceron.

Limítome nesta colaboración á democracia representativa, sen renunciar a facer algunha alusión a deliberativa. Nestas democracias, por suposto, o poder de tomar decisións públicas está conferido a unha clase política, e de funcionarios, que teñen nas súas mans todo un aparato organizativo para obrigar, incluso coactivamente, a que aquelas se cumpran.

Aló abaixo, están os cidadáns, o pobo votante, que poden elixir a algúns deses coloquialmente chamados “mandamáis”, que actúan xerarquicamente, dentro da coñecida división de poderes: executivo, lexislativo e xudicial. É sabido que cada cidadán ten un voto, libremente expresado, e, ao menos teoricamente, todos os cidadáns, incluídos os gobernantes e funcionarios, son iguales ante a lei, se ben sempre hai que ter en conta que uns toman decisións que todos deben obedecer.

Pero na realidade, por máis que a soberanía reside no pobo, predomina a xerarquía descendente, mandan os de arriba, aínda que son meros representantes e mandatarios dos de abaixo, en virtude dos actos electorais, ou dos referenda, condición que adoitan esquecer con máis frecuencia do que sería de desexar. E isto ten consecuencias, porque non son elixidos para impoñer condicións os adversarios, se eles non están dispostos a asumilas responsablemente gobernando, nin para facer unha interpretación nesgada da vontade popular.

Por suposto, como dixen máis arriba, as democracias non son organismos de funcionamento automático, teñen os seus males, as súas crises, xerais e típicas, cando se permite que valores indiscutiblemente democráticos sexan cuestionados, como a liberdade dos medios, evitando controles nos mesmos ou concentracións da súa propiedade que lles imprimen un determinado selo ideolóxico; como a incrustación no poder lexítimo doutros poderes, directa ou indirectamente, que se valen dos medios democráticos para fins particulares; como ese empeño que poñen as elites dos partidos para seleccionar representantes con criterios bastardos, facendo que os mellores (por competitivos), queden apartados da política, pasando as mans de mediocres e convertendo as institucións democráticas nunha especie de axencias blindadas ao escrutinio publico, (...).

Non cabe ningunha dúbida de que a creba da representación democrática, levou a unha serie de intelectuais a comprometerse con esta temática, tales como ao sociólogo alemán Niklas Luhmann, a Robyn Eckersley, profesora australiana de Ciencias Políticas e estudosa dos mecanismos de produción de normas reguladoras das accións ecolóxicas, a Gustav Radbruch, a Carl Schmitt, etc.; todos inspirados no concepto de “democracia deliberativa” de Jürgen Habermas, para corrixir as desconexións que se producen nas democracias chamadas representativas entre dereitos humanos, soberanía civil e estado de dereito, implicando aos cidadáns, a este fin, mediante a comunicación xeradora da opinión pública, como fonte normativa a ter en conta.

Certamente, este modelo de democracia representativa puxo de manifesto a conveniencia de introducir a deliberación na política, “permitindo que o poder comunicativo da linguaxe poida resultar eficiente como poder normativo”, é dicir, que ese poder comunicativo dos cidadáns deba ter canles adecuadas para que os procesos deliberativos exerzan influencia sobre os políticos, algo que tiveron e teñen moi en conta nos seus traballos os que participan deste pensamento habermasiano, pensando que a democracia actual debería ser deliberativa, ecolóxica, máis aló das nacións, cun alcance normativo que permita a ampliación da comunidade de xustiza.

A lista destes tratadistas é abondo longa. Pero só recollo unhas ideas dos seguintes: Gustav Radbruch, profesor alemán especializado en Filosofía do Dereito, dinos que o pobo soberano non se compón de individuos libres e iguales, senón de grupos (partidos) de distinta magnitude. Polo tanto, nin as maiorías nin as minorías son o resultado de votos libres e iguales, senón EXPRESIÓNS PREDETERMINADAS DO MAIOR OU MENOR INFLUXO DE CADA PARTIDO. De aquí que as loitas entre partidos, electoral ou parlamentariamente, NON SON LOITAS DE OPINIÓNS, SENÓN POLO PODER.. E, non obstante, o “Estado de Partidos” é a forma dun Estado democrático, malia os criterios dun deputado sempre estean supeditados aos do partido, o que habería que corrixir en prol da democracia, na que tanto empeño simulan poñer os que menos a respectan.

Desta maneira, como di Carl Schmitt, O PARLAMENTO CONVÉRTESE NUN MERCADO DE DISTRIBUCIÓN DE INTERESES ENTRE OS PARTIDOS. E como consecuencia disto a lealdade ao Estado e á Constitución non é de estrañar que sexa substituída pola lealdade cara aos partidos e, incluso, a outras organizacións. Velaquí, a modo de exemplo, como, esquivando unha pluralidade de lealdades, os independentistas cataláns, veñen ao Parlamento Español para facer constar, con non pouca ironía e atrevido descaro, esas deslealdades, e cobran por iso, ao amparo de leis que non respectan. Sen dúbida, con estas manobras van inducindo un estado psicolóxico nos cidadáns, á par que poñendo en cuestión e debilitando a unidade de España, mentres os responsables de mantela, como fundamento de todo, debaten cuestións tanxenciais, que, por ser importantes, non son primordiais.

Carl Heinrich Triepel, xurista e profesor alemán, agrega que a realidade política do “Estado de Partidos” é: dominación por estes do electorado, SUBSTITUCIÓN DA VONTADE DE REPRESENTANTE POLA DE FRACCIÓN, baleirado das institucións parlamentarias, influxo sobre a administración, etc. Considero, pois, que esta “substitución da vontade de representante pola de fracción” non se pode omitir nunha estimación crítica da “creba da representación democrática”.

E reparen que, aínda que son DIFERENTES as ideas aportadas por uns e outros, non son, creo, DIVERSAS, e, polo tanto, deberían de tomarse máis en serio no caso desa reiterada pretensión referente a REXENERAR A DEMOCRACIA, en España, porque non me atrevo a afirmar que os que se presentan como rexeneradores coñezan o alcance da mesma, en si mesma tan eloxiable como dubidosa e difícil (segundo opinións documentadas) na súa realización: Hai máis afeccionados a formular problemas que a implicarse na solución dos mesmos.

Polo que atinxe a España, teríamos que engadir a todo o dito o emprego teimudo dos monólogos políticos en vez dunha intelixente e pública deliberación, porque o verdadeiro deliberante preséntase ante os cidadáns non xustificando posturas negativas, que nunca fundamentan as positivas por revelar a necesidade de introducilas, senón utilizando argumentacións e criterios de racionalidade, únicos válidos para apoiar propostas adecuadas, acredoras a unha valoración positiva con fundamento nas razóns que se aducen para avalalas. Mais isto vétao a incompetencia ilustrada. Si..., ilustrada.

Pero, claro, como algúns lideres aspirantes á presidencia do goberno teñen evidenciada a incompetencia para asumir esa responsabilidade, eluden as deliberacións, non só entre eles, senón tamén cos medios, porque aquí as razóns aportadas non só teñen que ofrecer solucións viables, senón que tamén esixen unha disposición aberta a corrixir posibles erros, recoñecéndoos como propios.

Deberíamos, pois, pararnos a pensar que o rexeitamento dos espazos deliberativos é un síntoma de personalidades inmaturas, indiferentes a evidencia de que a riqueza en común, a cultura, a organización social, etc., son produto acumulativo dunha ACTIVIDADE UNIDA, que os españois estamos disolvendo nunha rechamante dispersión pseudo–ideolóxica. E a isto, para colmo, bautízase como exercicio dunha liberdade, que se presume de orixinaria nas mans de políticos ao chou, cando xa se encontraron con ela, grazas ás esforzadas achegas, inda que non sempre pacíficas, das xeracións que os precederon: Termemos de que ofuscadas mentalidades na arrebaten, aplaudindo as arroutadas desas arrogantes minorías que se queren converter en únicas fontes do dereito!!.

Permítanme que opine dentro da miña ignorancia que o gran problema que ten que afrontar España, entre outros, derivado dunha profunda “creba da representación democrática”, é o da súa unidade, non na DIVERSIDADE nacional, senón na DIFERENZA institucional, esquivando a confusión entre a “constitutividade” nacional e a “constitucionalidade” conseguinte. Xa que esta, pola la súa condición de CONSECUTIVA é un evento histórico, e, en boa filosofía política, non parece correcto que rache a unidade constitutiva de España, con máis de cincocentos anos de “substanciación” na súa condición de sistema social constitutivo, AUTORREFERENCIAL, ou, se o prefiren, AUTOPOIÉTICO.

Non podería omitir, por deferencia cos lectores, algunha explicación destes termos: Un biólogo chileno, Humberto Maturana, fai uso do termo AUTOPOÍESIS, en Bioloxía, para designar aqueles sistemas, como os celulares, que se constitúen a través da súa propia dinámica. Isto ocorre en todos os sistemas vivos, calquera que sexa o seu rango ontolóxico.

Pois ben; o sociólogo alemán, Niklas Luhmann, transportouno á Socioloxía, e aplicándoo ás unidades sociais, di isto: “O sistema consérvase mediante a produción dos seus propios elementos”. No caso de España é un sistema con autonomía, emerxente na historia, cunha certa independencia operativa e que constrúe a súas propias e diferentes estruturas constitucionais ao mesmo tempo que se substancia como tal. Pero non debe perderse de vista que, por tratarse dunha extrapolación, ha de considerarse só cun valor semántico pedagóxico.

E cheguei aquí para reflexionar co paciente lector acerca do alcance da “creba da representación democrática”, profunda neste noso país, que se está a producir a nivel constitucional; e acerca da necesidade de evitar que afecte á unidade constitutiva do mesmo, a cuxo fin é mester que o pobo se manteña vixiante dos seus mandatarios e faga un uso libre e reflexivo do voto, cando legal e politicamente proceda, eludindo compromisos que non o salvan da embarazosa realidade.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES