Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Seriamos sen fala uns ninguén

viernes, 26 de agosto de 2016
Martes, 25 de maio de 2010. Publiquei neste mesmo medio algo así: NON TE QUERO!. Pasaron seis anos e hoxe sigo a sangrar pola mesma ferida pero con moito máis sangue perdido e con moita menos esperanza. Por iso SIGO SEN QUERERTE.

Un día presenciei este feito que eu vou relatar en cinco escenas:

“1ª.- Un neno duns catro anos. Soíño, con cara triste e agrimado. Pegadiño a unha parede, con ollos moi abertos, sen bágoas e sen atreverse nin a fuxir do seu lugar habitual de xogo. Así estaba el.

2ª.- Por fronte del, un home duns trinta e cinco anos, cun grupo da súa mesma forma de proceder, (non quero adxectivar), moqueándose del e dicíndolle animaladas que eu non quero reproducir. Non. Non lle ían pegar. Seino.

3ª.- O neno non entendía. Porén no seu corazón e na súa alma de neno de catro aniños sabía que todo aquilo lle producía arrepío. Estaba sendo aldraxado e ameazado na súa dignidade. Iso si o sabía de certo.

4ª.- Eu pasaba por alí e presenciei a escena. Parei e fiteinos de fronte. E de visto que non era dabondo, intervín con severidade contra daquel valentón e dos seus cornáns corifeos.

5ª.- Cando o neno se decatou que alguén saía por el, desde o fondo da súa alma inocente lanzoulle con voz pequeniña o desafío máis grande dun pobre: NON TE QUERO! Só tiña iso.

Ese día comprendín o terríbel que é que alguén te teña que botar do seu mundo afectivo por abusón: NON TE QUERO.

Eu non son político, e non milito en ningunha formación política. Como tampouco son economista, pero sei que no ano 1929 houbo unha grande crise económica mundial que fixo tremer o mundo.

Talvez agora esteamos en algo parecido. Das crises económicas saímos. Con moito sufrimento. Pero saímos. Eu nacín na guerra in-civil e sei a fame que pasamos en España. E da fame e da miseria fomos saíndo. Por máis que das miserias desa guerra aínda fican esqueletos polo monte. Eu sei dalgún. E diso non todo o mundo quere saír.

Sr. Feijoo, eu non son político. Pero eu a vostede téñolle moito medo. Como llo tiven a Don José María Aznar e á súa FAES. Que lle vou facer!

Menos mal que estamos en Europa, senón teríalles verdadeiro pánico. E non por que me leven á pobreza dos cartos.

Téñolle medo, polo que leva feito e arruinado no patrimonio da alma que xa nunca máis vai poder devolver. Canto dano lle fixo á fala que eu herdei dos meus devanceiros!

Xa sei que non teño poder ningún. Nin o quero. Só teño a forza feble,pero infinda, daquel neno inocente: NON TE QUERO.

Non lle discuto para nada a súa chegada democrática ao poder. É o meu Presidente e punto. Pode seguir cen anos se o pobo o reelixe. Pero o patrimonio da alma que vostede nos esnaquizou, coma xabarín nun maizal, xa nunca mo poderá devolver. NON TE QUERO. Desde o fondo da miña afectividade: NON TE QUERO.

Fíxese. Para nada xulgo a súa forma de gobernar que podo estar en desacordo. Pero hai cousas para as que ningunha elección lle pode dar atribucións: “Al rey la hacienda y la vida se ha de dar, pero no el honor, que es patrimonio del alma, y el alma solo es de Dios”.(El Alcalde de Zalamea.- 1642).Róubasme a alma. Róubasme o respiro. NON TE QUERO.

Esa é a miña fidelidade aos anteriores: “Libertad sin ira”. O patrimonio da alma só é de Deus. E vostede non é Deus. Lémbrolle a canción: “Ni de Dios ni de nadie ni tuya siquiera. Libre te quiero”.

Por que, señor valentón con corifeos cornáns, me bota contra da parede, desprezando, arruinando a miña liberdade máis nidia de expresión?“Mais son probe e, mal pocado!, a miña terra n’é miña, que hastra lle dan de prestado a beira por que camiña ó que naceu desdichado”. Sabe quen escribiu isto, non si? Pois, NON TE QUERO.

Xa sei que para vostede a falta do meu aprecio, como cidadán, sen máis poder que ser un número insignificante dun DNI, incluso lle fai rir.

Pero a min craváronseme na alma os ollos daquel neno impotente, que tan axiña como puido, á aquel xigantón come nenos, lanzoulle o desafío máis grande do que a alma dun neno é capaz: NON TE QUERO.

Por que esa xenreira tan operativa de vostede contra da lingua? Chegou a tanto que todas as institucións galegas tiveron que reclamarlle respectoperante os tribunais! Haberá algún presidente do mundo que tente afogar a súa lingua e cultura? Haberá algún presidente no mundo que o seu pobo lle teña que pedir respecto reiteradamente?

Xa sei que vostede non entende esta linguaxe patrimonial. Vostede non é pai. Sobre todo non é pai espiritual. Por iso destrúe sen conciencia o noso valor espiritual máis nidio: A fala, a lingua, a expresión, a cultura.Para vostede todo isto son andrómenas, non ten valor. Non ten herdeiros do espírito. Só de cartos. E para os cartos o patrimonio espiritual sempre será un estorbo. Xa sei.

Pero nesa lingua choraron, riron, amaron, naceron e morreron os meus, os nosos. Incluídos os seus. Para vostede isto non vale nada. A vostede os meus non lle doen. Non lle doe nada do deles e non lle doe a súa memoria. Non lle doe a memoria do NÓS.Pero “seriamos sen fala uns ninguén”, dixo Manuel María. E disto non me moverán. “Denantes mortos que escravos”.

Porque para min todo o dos devanceiros son o meu patrimonio espiritual, os meus alicerces nos que asentei, fun medrando e cheguei a hoxe sendo dun NÓS colectivo que me dá identidade no mundo. Para que eu hoxe me mova en diversas linguas do universo, para que eu aprecie toda lingua e cultura, para que eu valore este patrimonio espiritual, para que eu lle poida confesar a vostede hoxe este desasosego, tiveron eles de consumir alma, vida e corazón e mesmo sufrir o “desprezo dos satisfeitos”: Hable usted en cristiano! Canto se me parece vostede a eses! Non debería facerse mirar ese complexo?

Que medo me mete na alma! Véxoo vir cara a min, (estiven varias veces ao seu carón), e descúlpeme, pero percibino DES-ALMADO,(no sentido etimolóxico da verba), SEN ALMA. Coma se lle arrincasen a alma galega. E un presidente ten que ter alma. É o primeiriño de todo. Por iso lle teño medo. E non vale que un día na TV nos choromique en público como facía Bush coa man ao peito. Xa ninguén, nin sequera vostede, me quitarán ese medo.Nunca máis.

A quen lle estamos a vender a nosa alma? Quen nola está a traficar? Sabe vostede quen?
Perdoe. Eu só lle podo dicir coma aquel neno: NON TE QUERO. E SIGO SEN QUERERTE. ”Seriamos sen fala uns ninguén”.
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
Deputación de Ourense
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania