Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de orballo

sábado, 20 de agosto de 2016
O universo da aventura
Pingas de orballo
Quen dixo que o universo da aventura consiste en correr detrás dun imposible ou simplemente ler máis de duascentas páxinas en branco? Quen dixo que o capitán de fragata correría cunha moto lambretta e sen casco ou simplemente optaría por poñerlle catro pneumáticos ó seu barco? Ás veces botamos as campás a voar sen saber canto carallo pesan tan sequera os badalos! Ai que ter un chisquiño máis de conciencia para analizar o bisbis dunha oración ou o barullo dun velorio. Un velorio onde a vida se quedou en silencio, se quedou sen dicir nada máis, nin tan sequera: aquí paz e despois gloria. Quen lle dará catro voltas ó campanario da igrexa de Baños de Molgas? Primeiro ten que subir os máis de cen chanzos e, despois, contemplar o panorama da vila para saber se aí hai futuro ou non hai futuro. Moi complicado asunto. Quen escoita o jazz de Kamasi Washington mentres deixa que os dedos percorran as teclas dun portátil para formar algo semellante a un escrito? Pobre escrito! Ó final máis seguro que acougue entre os pés dun canastro da Aira de Arriba de Baños de Molgas. Alí poida que ó escrito o leve o vento. A ver!, se tan só serán catro palabras mal conxugadas. Pero, que máis se lle pode pedir a unha aventura polos confíns do universo?

O infinito e máis alá
Pingas de orballo
Vai pola beirarrúa coa cabeza gacha. Ela non mira. Ela non sente. Ela tan só camiña. Pensa que vai chegar ata o infinito e máis alá. Pero a barreira está a poucos metros. A barreira da indiferenza. Ela pensa que dará mágoa. Pero a ninguén lle importa os seus sentimentos. Axiña se decata desa barreira. Agacha aínda máis a cabeza. Agora empeza a saber que o ruxerruxe duns labios e a intensidade dunhas olladas din máis que unha novela de cen páxinas. Ela si sente agora. Ela nótase orfa. Xa ten medo a alzar a ollada. Antes prefire tropezar cos obstáculos, cos atrancos que lle poñan ó cruzar o atallo das amizades, antes de erguer a ollada e ver esas caras que sen dicir palabras o din todo. Ela segue camiñando, con medo, pola beirarrúa do desdén. Quere chorar pero non lle choutan as bágoas. Quizais porque no fondo sabe que, aínda con atrancos, con pexas, alcanzará o infinito e máis alá. Custaralle, pero loitará. Ela pensa que é forte. Ela sabe que os obstáculos sálvanse saltándoos o arrodeándoos. E non lle importa choutar. E non lle importa arrodear, camiñar, aínda que sexa coa cabeza cada vez máis gacha. A indiferenza da xente empeza a darlle cada vez máis forza para tirar cara a adiante. E pouco a pouco, paso a paso érguese, levántase. Ela abre por fin os ollos e sabe que logo daquela barreira estará o infinito e máis alá.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES