Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A soñada mazá de ouro

Cabada Castro, Manuel - viernes, 19 de agosto de 2016
Évos a mazá, fermosa e recendente, dos cincuenta aniños dunhas vodas de ouro... Mazá para ollar, ulir e bicar. Mazá bela e perfecta, que ningún pintor do mellorciño sería quen de arremedar. Que ben lle presta á saudade debruzarse dende as alturas para soñar o paso dos días, dos meses, dos anos...!

Coma en tantas cousas da natureza, producíronse aquí tamén metamorfoses varias. Antes de se converter no ouro que agora é, fora primeiro lanchiña cativa, varada na terra. Ás veces movíana as marés e mailas ondas, mais por si mesma non podía vogar.

Un día cruzaron o ceo aves mariñas descoñecidas, lixeiras e podentes como pólas de carballo ou castiñeiro. Delas, dúas baixaron ata os ladrais da barquiña e puxéronse a namorar. Da barquiña tamén se namoraron e, en nova metamorfose, trocáronse en remos seus. Bautizárona como “A Nosa” e fixéronse así alma dela e corpo. Eran agora xa unha soa cousa e “A Nosa” sentiu ser alguén.

Namorouse ela agora do mar e comezou a se sentir a gusto co suave bater da ondas, co azul de mar e ceo, cos misterios e segredos de fanecas, chocos e robalizas... Haivos, amigos, outro mar máis fermoso e xeneroso ca esta ría de Vigo?

Mais a esforzada lanchiña quería aínda sentir mar aberto e alá se foi rumbo ás Cíes. Alén delas avantou despois e viu mar e máis mar por diante. Un mar sen fin...

Ergueron entón cara ó ceo os remeiros os seus remos e berraron xuntos en coro: Ultreia, sempre hai ultreia!.-
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES