Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Indianos

viernes, 12 de agosto de 2016
Había tempo que tiña ganas de visitar o espazo, pero por unhas cousas ou por outras, cada vez que me achegaba por aquelas veigas de Asturias, alí onde as dúas Tinas (a maior e a menor) se dan a man para comunicar o occidente astur con Cantabria, nunca atopaba vagar para desviarme ata a fermosa aldea de Colombres, no termo municipal de Ribadedeva, e coñecer a Fundación Archivo de Indianos que dende hai xa uns cantos anos amosa un moi interesante e completo escaparate do que foi a emigración asturiana en hispanoamérica, nunha non menos fermosa "casa de indianos" coñecida como "Quinta Guadalupe" na memoria da que fora muller do seu fundador, Íñigo Noriega Laso, un dos máis prolíficos emigrantes da nosa terra veciña, no seu caso no México de cambio de século.

Hoxe -onte para vostede- si que fixen, sen embargo, propósito de ir e podo dicirlle -benquerido lector- que pagou a pena o percorrido, non tanto por ter aboado unha entrada previa de 5 euros por cabeza pensante sen que nos ofrecesen a máis mínima explicación oral que non fose a de dicirnos moi parcamente que nunha estantería podiamos retirar un pequeno tríptico cos planos do edificio, senón porque en cada libro, en cada documento, en cada fotografía e en cada calquera outro obxecto ligado á emigración, eu ía recoñecendo documentos, fotografías, planos e obxectos relacionados coa nosa mesma emigración en exactamente os mesmos lugares polos que andaron -e aínda andan- os nosos curmáns asturianos.

Debo dicir, ó tempo, que se ben a presenza da emigración asturiana en México ten un protagonismo especial debido á relación do petrucio maior do edificio que acolle o arquivo -é dicir, do portentado e finalmente desgraciado Íñigo Noriega- co país centroamericano, non menos o ten a emigración asturiana na Habana (onde tiven oportunidade de fotografar unha maqueta da clínica Covadonga, onde Manuel Curros Enríquez mal respirou os seus derradeiros aires) ou Tampa, así como en Buenos Aires, Santiago de Chile ou Montevideo. Espazos, todos eles, comúns para milleiros e milleiros de historias, unhas veces admirables, outras moitas desgraciadas e a maioría delas anónimas, de centos de milleiros de galegos que ó longo dos dous últimos séculos exploraron lugares inaccesibles dende os bosques do Canadá ata a mesmísima Terra de Fogo.

Poden estaren orgullosos, pois, os nosos curmáns asturianos por teren tan vivas no fardel da súa memoria colectiva as vidas vividas por antecesores seus, que crearon riqueza e trouxeron cultura para os seus lugares de nacencia.

Por desgracia, polo de agora non podo dicir o mesmo da memoria colectiva da nosa emigración, porque aínda ninguén foi quen de crear un espazo semellante en ningures.

A ver se agora que veñen as eleccións...
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES