Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Os bancos do Congreso

jueves, 18 de agosto de 2016
Non está este verán para perder o tempo tomando demasiado en serio aos nosos políticos. Nos faladoiros estivais encontrámonos con falangueiros de certa chispa, que non perden ocasión para evidenciar, graciosa e ironicamente, a pouca estima que teñen deles. Hailles anécdotas xocosas, choqueiras, que ben poden pasar en contido como artigos temáticos, sen repetir as mesmas argumentacións.

Fai uns días, nun bar, oín un conto, que talvez para vostedes non será novo, pero para min si o é, do que algúns dos asistentes fixo unha aplicación política bastante axeitada, na miña opinión e na dos que a riron.

Un granxeiro, con escasa man de obra para atender convenientemente as vacas que tiña, contratou un obreiro, e xa o primeiro día, despois de levalo pola explotación agropecuaria, houbo entre os dous o seguinte diálogo:
-Sabes muxir?.
-Si, señor: é o que mellor se me da,
-Excelente. Mañá empezas a facerte cargo desta tarefa, e o tempo que che sobre, repartes a comida ao gando. Colle aquela banqueta e tómao con paciencia, que non temos muxidora e tes que facelo tu.

O día seguinte colleu a banqueta e os cubos, como lle mandara o amo; pero á dona tardáballe en volver, e díxolle ao home que fora ver se lle ocorrera algo. El así o fixo. Acercouse á granxa e veuno pelexando cunha vaca. A sorpresa non foi pequena, porque estaba cheo de suor e esgotado.

-Que che pasou – preguntoulle.
-Eu muxir... múxoas que é unha marabilla; pero sentalas na banqueta lévame moito tempo e esforzo.
..........................................................................................................

Como nestes faladoiros sempre hai chispiñas, sae un dos falangueiros e pregunta se os nosos deputados no Congreso, que están tardando tanto en arranxar as cousas, non estarán coas banquetas á conta, porque muxir, o que se di muxir, fano moi ben, e ata os que non teñen experiencia tamén se desenvolven con habilidade.

Xa ven, amigos lectores, o nosos paisanos danlle a filosofía que é unha delicia, e avantaxan en moito os “filosofastros”, porque a deles élles intuitiva, orixinal e oportuna, e a destes aprendida, e non sempre ben entendida nin ben acaída.

Por suposto, aguantei con estoicismo a retranca; pero sentín o pracer de comprobar que eses líderes teñen un lugar de crítica irónica no pensamento dos nosos paisanos: Non os asombran as súas oufanadas, nin bailan ao ritmo das reiteradas arengas salpicadas de sofismas.

Supoño que o obreiro, atendendo as instrucións do granxeiro, corrixiu o erro; pero moito me temo que os nosos líderes políticos seguen erre que erre mantendo as súas actitudes: raposadas de barrio baixo, chirimías de corte académico, divagacións ...E mentres tanto, as vacas nacionais van decrecendo na produción leiteira, pola teimuda desatención, e a mesma tortilla do amigo Carballo tamén se vai acabando, ata que xurda o renxer de dentes: Todo pola incompetencia e a miopía para transcender as vulgaridades e babecadas, máis propias de medianías que de persoas formadas, que nin son capaces de conter a traizón da linguaxe xestual.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES