Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A rica tradición dos reis na montaña

viernes, 05 de enero de 2007
Os reis e os reiseiros de Pedrafita do Cebreiro
Con grandes espazos nas cadeas das televisións locais, nacionais e mundiais (no occidente cristián) vimos de ver/contemplar as rumbosas celebracións dos Reis Magos manifestadas nas antagónicas e mesmo escandalosas exhibicións do poder económico (¡e mimético!) baixo o ceo artificial de cores e estreliñas das xa abertamente globalizadas cabalgatas. Día de ilusión e de ledicia para nenos/as e mesmo dos maiores. Nada que obxectar a todo símbolo que axude a medrar ilusións e esperanzas dun futuro mellor para o mundo. ¡Boa falla nos fai a todos!

En evidente contraste, presentamos, outro xeito máis sinxelo e natural, (máis noso e auténtico) de celebrar e gozar estes días de extraordinaria forza e de valores xa medio perdidos nesta nosa Terra Galega, tamén chea de contrastes e incoherencias. Acontecementos que as persoas de idade viviron e experimentaron. Unha fermosa tradición que leva dentro unha incrible riqueza cultural e un profundo simbolismo e senso relixioso cristián do que non podemos nin debemos renegar. O que debe desaparecer para sempre son as medias verdades, as inxustizas, as pobrezas e as miserias que padeceron os nosos antepasados perante séculos.

Velaí unha pequena mostra dos contrastes e diferenzas: Estes “reis especiais” do rural galego nin son reis, nin magos, aínda que teñan ámbalas dúas riquezas. (Tampouco o eran os que nos conta a tradición bíblica). Nin son tres nin unha ducia (como afirman outras tradicións). Non teñen coroas, nin poder, nin escoltas, nin reinados mundanos. Tampouco traen ricos traxes, mantos ou pomposos e inútiles agasallos para os nenos ricos do Primeiro Mundo. Nada diso!

Pola contra: son simples e sinxelos labregos, xente do común (coma María e Xosé), paisanos traballadores tirando a pobres (non na miseria), sen poder e influencia, que son quen de se xuntar, cada ano, para dar alegría e levar a mensaxe liberadora do Neno Xesús (o Emmanuel- Deus connosco) comunicando a Boa Nova aos seus familiares e veciños. Así naceron “os reiseiros” (cantores do pobo, por entusiasmo e devoción) a partir do século XVII cando das catedrais e dos mosteiros pasaron a se popularizar ao pobo os marabillosos cantos que xa se construían neses ambientes máis ricos e preparados. Cómpre non esquecer que ata case mediado o pasado século XX Galiza era case toda ela rural (mesmo vilas e cidades) e para mais inri analfabeta nun 92% da súa poboación. Todo era aprendido de “memoria”, o que chamamos (con certa vergoñenta euforia) “de tradición oral” e que en demasiados sectores da nosa “tan progresiva e culturalizada sociedade galega” parece esqueceron ou tentan borrar.

Os vellos “reis” (cantos) da Zona do Cebreiro teñen , con absoluta certeza, algo máis de 250 anos e con sabor gregoriano. Son verdadeiras xoias, tanto na música como na letra. Evanxeo puro. Tamén abondan os modernos, pero xa moi contaminados. En canto aos “reiseiros” (os cantores) teñen un mérito extraordinario. Beberon de fontes dunha autenticidade asombrosa. E certamente curiosas. As mulleres non podían saír a cantalos (quizás, non por machismo, que tamén habería) se non máis ben porque os recorridos que facían polas aldeas da Montaña, de noite e como cadraba, durmindo en palleiras...non era recomendable. Os actuais “reis” (por enriba dos 70 anos algúns deles) tiveron a carraxe de recuperalos cara o ano 1995, despois de 40 anos de esquecemento (cantáranos no 1956 despois do longo e interminable silencio da guerra civil e o franquismo).
Mato, Xesús
Mato, Xesús


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES