Carbonizando un idioma
							Santalla, Iago - miércoles, 17 de agosto de 2016
							  Atópome esta semana cun chío en Twitter que relaciona o feito de que o monte arda co feito de que as brigadas que o apagan empreguen o idioma galego. A verdade é que a nova coméntase por si soa e a estupidez cobra un calibre que roza o absurdo. Unha vez máis hai que deixar constancia do auto-odio e a etnofobia que caracteriza traxicamente a este país preso da maldición de Malinche que tanto mal fai aos pobos. 
Nunca entenderei o receo polo noso nin a negación dunha evolución que provocou un cambio abraiante no noso nivel de vida. Non entendo que un pobo que foi capaz de rexurdir de infindas traxedias semente o odio cara a xente e entre a xente que debería amarse ata construír un futuro digno da historia que nos precede. O idioma galego é un herdo que está culturalmente ao mesmo nivel que a Catedral de Santiago. Alguén se imaxina que un grupo de persoas se xunte para defender a necesidade de derrubala para construír en plena Praza do Obradoiro (para algúns ao mellor será "la Plaza del Taller")  un hotel de luxo amparados na necesidade de "ir cos tempos"? A única diferenza é que o idioma forma parte do patrimonio inmaterial e a Catedral de Santiago do patrimonio material pero o resto é igual tendo en conta, ademais, que ambos elementos culturais están recoñecidos pola UNESCO como patrimonio da Humanidade a aberración é do mesmo calibre. 
Volvendo ao tema dos lumes existen mil argumentos para desmontar semellante esperpento, entre eles o feito de que moitas das cuadrillas que teñen os concellos empregan o galego como idioma materno e habitual na súa vida cotiá. Quizais non mereza máis comentario esta anécdota mal fundamentada mais sirva para ter en conta que o que se está a propugnar é a destrución dun elemento cultural que pertence á Humanidade e que ten a mesma importancia que calquera outro sendo unha achega imprescindible para a cultura universal.
							
							
 
							Santalla, Iago
							                                
                                                                  
                                                                  
                                                        
				 
				Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los 
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de  la empresa editora