A cor da morte
domingo, 21 de octubre de 2001
Asistimos asustados e incrédulos á crónica diaria da Guerra, a Guerra global moderna televisada en directo e a toda cor, por capítulos, para o mundo enteiro nun alarde informativo para maior propaganda do espectáculo (o bombardeo mediático) co protagonismo estelar dos E.E.U.U. de América e os dirixentes talibáns afganos (alongada é a súa sombra) e o resto do planeta repartindo os papeis secundarios, aliñados nun ou noutro bando, segundo intereses políticos, ideolóxicos, relixiosos
cun seguidismo preocupante nese hipócrita xogo maniqueo.
Na cámara da retina quedarán para sempre, coma un pesadelo estrondoso, as alucinantes imaxes dos paxaros asasinos esnafrándose contra as altísimas torres de New York entre estarrecedoras nubes de lapas vermello-amarelas, devorando os edificios mentres se derrubaban con miles de vidas dentro, ante os ollos aterrorizados da humanidade. Sobre a montaña de cascallos fumegantes, chora e ora o pobo americano.
A resposta á brutal barbarie chegou nunha exhibición de forza, nunha demostración de poder que devolve violencia con máis violencia: xustiza infinita, liberdade duradeira, cruzada en Occidente contra o Islam ou a guerra santa musulmana, soan a títulos de películas apocalípticas, de ciencia ficción.
A guerra moderna ten ademais outras maneiras de manifestarse, outras armas aínda máis sofisticadas e malvadas como as químicas e as nucleares. Comezou coas cartas macabras, co branco pó do carbuncho, agora falan da variola e mesmo ameazan coas de destrucción masiva provocando o pánico na poboación e creando unha psicose colectiva de inseguridade.
No árido escenario asiático, as noites de Kabul acéndense dun verde escuro mortal das bombas que tiran outros paxaros modernísimos que sucan, coma falcóns, o ceo afgano. Choven acios de bombas tamén nas cidades, nos hospitais
demasiados erros de cálculo dos amos do mundo. Nas guerras modernas como nas antigas corre moito sangue inocente.
Na pequena pantalla asoman os rostros do medo, os corpos feridos e os que xacen sen vida de pequenos, mulleres e vellos, civís dun pobo anónimo que doutro xeito nunca sairían na televisión.
Caen bolsas amarelas con comida e outras da mesma cor que rebentan nas mans dos nenos famentos. Terrible confusión.
Apagamos abraiados e impotentes o aparello, a crónica vai por entregas e promete unha serie interminable. Nesta complexa sociedade multicultural, a convivencia esixe un esforzo de comprensión, cunha mentalidade máis aberta e con maior amplitude de miras para adoptar posturas e actitudes tolerantes e de respecto mutuo, sen fanatismos nin frivolidades. O odio aliméntase da inxustiza e das desigualdades sociais reducindo os espacios para o diálogo, a paz e a liberdade.
Non haberá xexún no Ramadán sagrado para uns nin festa das caveiras na noite de Halloween para outros e nos cemiterios axiña murchan as flores dos nosos defuntiños.
Estamos á porta do inverno máis cruel, na boca da noite máis negra agardando o regreso da Luz.
As caras e as cores da morte, sempre sobre un horrible fondo gris metrallando a recámara da memoria e descolorando os soños.
Neira, Xoan
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora