Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Un museo e unha roda de afiar

martes, 09 de agosto de 2016
Aínda falando dun "Estado fallido", como acostuma a dicir Felipe González, ou dun Estado en proceso de descomposición, como me deu a min a sensación neses trece días que andei por Venezuela, é evidente que conta con innumerables recursos que transcenden da súa afogada economía, do seu deterioro social ou da perigosidade que supón andar a pleno día por moitas das súas rúas na capital.

"Este é o país das sete marabillas...", díxome un emigrante galego (porque os emigrantes galegos en Venezuela malia todo continúan namorados do seu país de acollida), "... se non estivese como está!". Polo tanto, entre tan desgraciado perfil coma o que debuxei nas últimas columnas, tamén debo contar algunha anécdota positiva que puiden testemuñar.

A primeira delas tivo lugar no edificio da Municipalidade, situado na histórica praza de Bolivar, no centro histórico da cidade caraqueña.

Con motivo dunha visita guiada polos "segredos de Caracas" entramos na devandita Casa Consistorial e amosáronnos un pequeno museo etnográfico que un tal Raúl Santana Moller foi atesourando ó longo da súa vida, con pezas de colección e escenas de oficios, costumes, tradicións ou danzas que el mesmo foi elaborando con madeira, barro e outros materiais.

Alí está descrita e ben descrita para quen teña vagar, a Venezuela histórica, dende a emerxente urbanidade caraqueña ata a vida cotiá da aldeíña máis pequecha de interior ou de mar.

Pois ben, nunha zona ben céntrica do local, os visitantes poden zopar de fronte cun trebello que en moitos casos teñen que preguntar que é par saír de dúbidas, pero que a min non me fixo falta porque ós ollos dun ourensán é evidente que é unha roda de afiar. Unha roda de afiar, ademais, dun ourensán, xa que -Florencio de Arboiro non me deixará mentir- non fai falla ser -coma el- doutor en rodas de afiar para decatarse de que son pezas inconfundibles.

Desgraciadamente non había ningún texto explicativo que identificase ó seu propietario inicial ou que contextualizase o obxecto. Pero, repito, do que si estou seguro é de que aquela roda tivo que pertencer sen ningún xénero de dubidas, a un ourensán.

Escribo isto, ó fío dunha información que vin hoxe publicada e que anunciaba un forte investimento para dotar ó vello edificio de San Francisco dun museo no antigo solar da igrexa, cousa que me levou de súpeto a pensar na roda de afiar caraqueña, xa que logo, por máis que aínda non fomos quen de dotar a Ourense do museo do obxecto que máis nos identifica polo mundo, e por máis que teñamos a medio rematar o museo arqueolóxico, agora seica nos van dotar doutro espazo expositivo para non sei qué litografías e qué virtualidades medievais. En fin, que non damos aprendido... Uns matinando por aquí, outros matinando por acolá… E así nos vai.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES