Esquerda Unida de Vilagarcía de Arousa
Cardalda, Theo - sábado, 06 de agosto de 2016
Ante o que está acontecendo nestes intres en EU de Vilagarcía, dáme a sensación que estou revivindo os finais dos anos 70. Porén, non aprendemos da nosa historia recente, falo desde os anos onde se acadou a democracia.
En 1979 o PSOE e máis o PCG gobernaron en Vilagarcía, ao pouco tempo comezaron no PCG os enfrontamentos coa seguinte perda de concelleiros na seguinte lexislatura e seguimos sen volver a vista atrás para intentar non repetir esa historia. Durante estes longos anos atopei de todo como en botica (sendo o que máis me alporiza o infantilismo de esquerdas, os egos e personalismos) e seguimos intentado atopar o sexo dos anxos. É desconcertador ver como a esquerda onde milito desde 1972, loitando para acadar un país de progreso, segue cometendo os mesmos erros que antano.
Coa que está caendo desde moitos frontes desta dereita neoliberal e cobizosa: reforma laboral, privatizacións da sanidade e ensino, estado policial (Lei Mordaza) alleo á democracia e dereitos humanos, en EU ándase a liortas haber quen é o máis cristián e limpo de pecado.
Non sei que vai pasar, pero non adiviño nada bo. Por algunha incomprensible razón a esquerda alternativa sempre remata autodestruíndose a si mesma, como si dunha maldición ou meigas se tratara. Porén, agardo que axiña se chegue a solucionar o problema en IU de Vilagarcía sen sectarismos e personalismos, con máis humildade e facer esforzos de intelixencia e xenerosidade en acadar unha solución de entendemento polo ben da esquerda, por respecto aos antigos militantes, votantes e da cidadanía.
Como dicía Carlos Marx: ...la historia se repite dos veces, la primera como tragedia y la segunda como farsa.... Apelando ao sentido común e o diálogo non cheguemos a esa segunda fase da farsa, pois de traxedias xa tivemos abondo.

Cardalda, Theo
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora