Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de orballo

sábado, 06 de agosto de 2016
De paseo pola feira

Ela sabía que era complicado andar pola feira. Xeila Antiga Boibicho sabía que era a mellor feira do ano, pero aínda así botoulle valor e dispúxose a dar unha volta polo recinto no que se situaban os ambulantes.
Xusto cando saía, zas, unha fina marmañeira fixo acto de presenza. Será posible!; máis dun mes sen caer unha maldita pinga de auga e van caer xusto agora!, pensou. Retrocedeu e meteuse de novo na oficina. A ver!, non é que a Xeila Antiga Boibicho lle preocupase moito o ir ou non ir dar unha volta pola feira, pero... por aquilo de se se atopaba con alguén coñecido, por aquilo do ambiente ou por aquilo de porque si. Non obstante, Xeila non se deu por vencida e tan axiña como viu que xa escampara un chisco, saíu de novo á rúa. E botoulle valor. Logo recoñeceu que fora unha trapallada, que quen a mandaría meterse nesa turba, nesa barafunda; porque era imposible dar dous pasos sen chocar con alguén ou sen recibir algún que outro empurrón. Pero seguiu. Coa man apertando o bolso, por se acaso. Non tardou en atoparse cunha veciña á que levaba tempo sen ver. Alegrouse de vela. Alegrouse unha barbaridade. Porque era máis que veciña. E máis que amiga. Era uña e carne. Botaron un cacho latricando. Como se lle fixera tarde, regresou á oficina. A maiores de que estaba desexando abandonar ese ir e vir de xente, esa feira que sabía que cansaría, pero... as ansias de ver coñecidos.

A preparación do almorzo

Pola noite intento deixar todo preparadiño. Collo o cazo e póñoo na vitro, collo a cunca e bótolle un nadiña de azucre e déixoa á beira do cazo. Ás sete e dez o espertador toca diana. Ergo coma un foguete. Lávome. Vístome. Abro a neveira e saco a botella do leite. Cisco o que teña que ciscar no cazo que xa está preparado. Arréolle candela, é dicir, lume. Aproveito o tempo: estendo un pano de mesa sobre esta para que caian nela os migallos ó cortar no pan e así non limpar logo a mesa. Bótolle olladas ó cazo, por se fumega. Non me gusta o leite moi quente. Nin a comida en xeral. Como aínda non o fai, pillo a barra do pan e póñoa sobre o pano, collo un coitelo e póñoo á súa beira. Como o leite segue sen fumegar, aproveito para calzarme. Xa está. Xa me calcei. Xa fumega. Boto o leite na cunca, póñoa na mesa, sento e mígolle o pan. Atugo os cachiños unha e varias veces. Empezo. Gloria bendita! Sempre deixo leite. Porque desde que me operaran alá polo 1980, moita cantidade non a admite o meu estómago. Vai polo vertedoiro abaixo, claro. Neste deixo a cunca. Recollo o pano e cisco no lixo os migallos que caeron nela. Sobre as sete e vinte e cinco, o molgués que subscribe sae pola porta coa ansia de poñer a radio do coche e escoitar as novas do día. Pillo camiño do traballo. Ás veces os funcionarios facemos que traballamos. Bo día a todos.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania