Polo mes de xullo de 1916 casaba a parella formada por José A. Fernández, o Xuez, de 24 anos de idade, mariñeiro da vela e o remo, de nai solteira, vendedora de peixe, e María López Becerra, de 20 anos, filla do comerciante Fernando López Castiñeira de Botes. Non había moito chegara da emigración un focego do rural con cartos que pretendía á moza; o pai, vendo moito mellor partido para o futuro da filla, quería que ésta deixara ó mariñeiro e que seguira ó habanero, pero a rapaza non cedeu un chisco dos seus sentimentos. O proxenitor, ao non lograr os seus propósitos, entrou en cólera e rachou a relación coa filla e se desentendeo de toda problemática da xove parella que, sen recursos, alugou unha casiña no barrio do Campo cun pequeno forno de cocer o pan. Un almacenista local cedeulles ó fiado unha saca de cen quilos de fariña de Castela, co compromiso de pagala cando venderan a fornada, e así foi. Hai desto cen anos. Nacía entón a panadería; a primeira pedra do edificio da ampla dedicación comercial da saga que compre un século.

O Xuez embarcou e foise a percorrer os mares de medio mundo. María, en soedade, afrontou o traballo do forno, no que se iniciaban, e dos fillos que chegaron pródigamente. Non tardou o home en voltar para o fogar: a súa presenza facíase imprescindible. Os vástagos (foron 11, da primeira xeración, da que chegarono a vivir 8 adultos xuntos), implicáronse dende moi rapaces na actividade comercial familiar o que fixo que a saga ao longo do século (1916-2016) desenvolvera unha dinámica e heteroxénea función no eido do comercio local: panadería, muiños fariñeiros, casa de comidas, tendas de alimentación, taxi, efectos navais, camións de transportes, materiais de construcción, lanchas de pesca, bazar, distribución de butano, barco mercante, compra de peixe nas rulas da Mariña, xestoría, auto-escola, inmobiliarias, pomoción de vivendas, imprenta, librería, xogueterías, mobiliario para parques e xardíns, escola de deportes náuticos
Tódolos Bahía da 1ª xeración (os 8 irmáns) ó casar emprenderon novas facetas mercantís.
Nos anos 40 a familia desafiou aqueles tempos miserentos construíndo un moderno hotel de 33 habitacións, pista de baile ó aire libre e Sala de Festas. O complexo chamouse BAHIA; de contado gañou moita sona e pasou a ser o apelativo polo que son coñecidos os seus membros que, ó longo deste século transcurrido, escribiron unha extensa e nutrida páxina da historia social, comercial e lúdica de Foz.
Na actualidade unha ducia de estabrecementos, baixo a éxida dos Bahía, cada día abren as portas para seguir satisfacendo a que é, sen dúbida, unha vocación familiar á que sempre foron fieis e que ten continuidade nas xeracións sucesivas, feito abondo excepcional pois a experiencia amosa que son poucos os casos nos que a mesma supera a primeira ou segunda xeración.
O poeta Manuel María deixou escrito: A vida do ser humano, por moi longa que sexa, sempre é curta; o que de verdade importa é a da comunidade, dos que foron, dos que son e dos que serán: a continuidade. Desa cadea nós somos unha breve faísca, unha muxica entre dúas noites que nos chaman e nos engulen
".
O mundo non remata aínda e o futuro é, coma sempre, imprevisible. A superación dos atrancos para a supervivencia, que non han faltar, sairá do traballo emprendedor, constante, entusiasta, honesto e arriscado. Tal foi a divisa dos Bahía no primeiro século da súa andaina, sempre alleos a todo poder político ou de outra índole; autónomos e independentes, pero solidarios, seguindo o exemplo permanente dos proxenitores: O Xuez e María de Botes.
NA FOTO: Estampa de familia, anos 50. Sentados: O Xuez e María de Botes, proxenitores dos Bahía. De pé, de esquerda a dereita 8 dos 11 fillos: Suso, Antonio, Pascual, Carmen, Elvira, Moncho, Paco e Fernando; tres finaran de moi novos.