Memoria mariñeira de Foz
Fernández, Suso - miércoles, 03 de agosto de 2016
Do 2 ao 15 de agosto vai permanecer exposta no CENIMA de Foz unha colección de 35 debuxos, do artista plástico Juanel; obra que conecta fielmente coa memoria histórica do pobo focego que, como é sabido, tivo no mar a razón das súas orixes, e nel a plataforma do nos seus moradores a forma de ser e o talante que sempre os distinguíu pola singularidade da súa actitude ante a vida.
Hai moitos anos, no libro Foz: o mar e as xentes, escribimos: Foz é mar. A tradición mariñeira da vila amósase en tódalas manifestacións: o talante das xentes, o carácter paroleiro e amablemente acolledor; a súa fértil imaxinación e simpatía, definen a idiosincrasia dunhas persoas afeitas a esculcar lonxanos hourizontes, e a vivir no seu contorno a aventura diaria determinada pola fraxilidade do home ante a inmensa forza de Natura; desafío que en demasiadas ocasións conduce á traxedia, risco que dende afastados tempos pendura, cal espada de Damocles, sobre a cabeza dos mariñeiros focegos nese traga-homes que ó longo da historia leva sido a malfadada barra que tinguiu de mouro tantos fogares da nosa beiramar.
Juanel é un artista plástico, nado en Ribadeo; dende hai mais de 40 anos afincado en Foz; fondo coñecedor da súa xeografía física e humana que tanto leva escrutado;extrovertido, dinámico e moi popular, condición que se veu favorecida polo desempeño profesional de carteiro. O dominio da xeografía física revélano os atractivos debuxos dos tradicionais rincóns mariños que antano proporcionaban expresivo tipismo ó hábitat das xentes do mar: Antigo porto, Na rula,Lanchas na ribeira,Tupide,A vella Avda. de Telégrafos
Pola súa banda a galería de persoeiros, tan carismáticos, cos rasgos definitorios de personalidades forxadas ó vai-ven das lanchas sobre as ondas sempre axitadas das nosas costas, aos que o artista avezado é quen de sustraer toda expresividade logrando de cada un dos cuadros expostos à consideración do público unha auténtica obra de arte, como é habitual en Juanel.
Vellos mariñeiros, populares e lendarios, nutren esta galería de arquetipos do mar de Foz: Bambolia, Saturno,Ramón de Chao,Colás, Normando,Suso Castiñeira, Moncho Quintanero,Manolo da Cacarela,Tristán de Perico,O Pinche,Suso do Relampago, Tanana,Papillo, O Nieto, Papá Chao,O Bochego, O vello Relámpago, Chila o Vello..
Un artístico catálogo do entrañable e tradicional mundo do mar de Foz para o recordo e a nostalxia.

Fernández, Suso
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora