Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O cabalo de Santiago, no Pazo de Raxoi, érguese aos pés indignado

sábado, 30 de julio de 2016
Por que meter e facer responsábel ao Apóstolo das nosas propias desfeitas? Voume referir só a lingua e cultura galegas.

Señor Santalices, lin atentamente o seu solemne discurso. Nada mal fixo Santiago, o Apóstolo, para irlle afear publicamente a conduta na súa propia catedral para que teña que vir arranxarnos algo neste asunto.

Todo o seu grupo actual, principalmente o señor Feijoo, D. Jesús Vázquez, D. Anxo Lorenzo, etc... queimaron miles libros en lingua galega para o ensino. Santiago non é culpábel.

Foi o señor Feijoo o que entrou berrando como cabalo de Atila que devastaría o decreto da lingua galega elaborado por don Manuel Fraga, conservador el, co consenso de todos. Santiago non é culpábel.

Ben axiña impuxo o señor Feijoo o “decretazo” que arruinou, desprestixiou e fixo desaparecer na práctica a lingua das esferas oficiais e mesmo en áreas do ensino e introxectou nas conciencias das xeracións novas e vellas a idea suicida de que o noso non vale para nada. A tal grao, que mesmo mereceu censura das máis prestixiosas institucións da Galiza, da Europa e do mundo cultural universal. Cantas mentiras altisonantes propagaron a cotío¡ E cantos euros¡ Santiago non é culpábel.

Envolveuse na bandeira galega para chorar sensibleiras bágoas oportunistas en momentos solemnes coma se de cativos malcriados ou adolescentes inmaturos se tratase. Santiago non é culpábel.

Bilingüismo harmónico, da man desa muller que defende a mesma miseria cultural na chamada Galicia Bilingüe, que nin é Galicia nin sequera é monolingüe nun correcto castelán. Que bonitos aparecen nas fotografías das hemerotecas eses abrazos solidarios na causa do demérito á lingua! Son os militantes da máxima categoría na persecución e eliminación dela. E aí, todos nós, coma pampas testemuñas e consentidores culpábeis. Vemos a miseria cultural na que nos meten e temos que dicir que chove. Santiago non é culpábel.

Señor Santalices, veñen agora con esa andrómena de que Santiago nos bote unha man. E todos anuentes na Catedral dicindo: amén!
Non lles parece unha profanación, non xa da catedral, senón do pobo a quen representan? Que hipocrisía maiúscula! Non estarán a facer electoralismo para “dummies” valéndose ata da relixión?

Cando teñen todo o poder nas mans fai falta ser mixiricas abondo como para dicir solemnemente: Señor Santiago “é moito o que pido e pouco o que somos quen de ofrecer”.

Vennos vostede hoxe con esas milongas? Non, señor Santalices. Por iso non pasa nin o cabalo de Santiago do Pazo de Raxoi. Non me estraña que se erga aos pés de diante alporizado, enrabechado.

Vostede, Presidente do Parlamento, o señor Presidente do goberno e a Xunta en pleno, e moitos outros que saíron nas fotos, teñen o poder, a tixola e o mango. Vostedes levan gobernado oito anos e insistindo na teima da destrución de todo o nós colectivo e calumniándonos a todos, dicindo que nos negamos a abrírmonos ao mundo universal. Non lles parece unha blasfema política?

Fomos nós, pobo común, quen nos botamos ao mundo e á emigración. Quen levamos con fachenda a lingua e a cultura galegas polo mundo adiante. E como pobo común, nós e os devanceiros, creamos e conservamos a nosa identidade nos intres máis duros da nosa historia.

Se se erguen todos eses que vostede citou, e os que adrede silenciou, (digamos Bóveda), non terían algo moito que dicirnos á cara? A vostedes, que estaban alí todos xuntos na catedral, non lles parece unha falta de ética común, social e colectiva? Nós, coma o servo infiel e nugallán do evanxeo enterramos o denario, o talento, e logo discursamos. Hai un baleiro de auténticos valores e de coherencia.

E logo pídelle á Igrexa: “fago votos para que a Igrexa galega –clero e laicos– en comuñón coa Igrexa universal, manteña e acentúe a súa sensibilidade respecto ao idioma e a cultura que nos identifican como pobo, participando activamente na tarefa común de defender, mellorar e estender ese legado inigualable”.

Non me estraña que ata o cabalo branco de Santiago rinche e nos chame a todos hipócritas e mentireiros. E que debera facer falta pedirlle iso á igrexa? Se hai que pedirllo é que está a traizoar ao pobo galego.

Cando todos nós fomos metendo no baúl das miserias o Concilio Galego, que deixou claro dabondo a postura desa Igrexa, vimos agora todos xuntos, e digo todos, a laiármonos para seguirmos na meirande das inconsecuencias. Xa. Pedímosllo a Santiago pero para seguir a peor.

Penso que xa é tempo de anoxarnos e mirármonos todos no cabalo branco de Santiago que rebrinca encabuxado no Pazo de Raxoi e se ergue aos pés de diante para dicirnos como pobo: Nunca máis! Nin como políticos nin como crentes me volvades con esas andrómenas e pantomimas. A que vindes á Catedral?

Esa relixión que vostede discursou, señor Santalices, non é a fe de Xesús, o Cristo. Nin sequera a do Concilio Galego. Ese discurso non ten a categoría do Apóstolo. É simplemente un armadillo para cubrir expediente.

Pero é que nin politicamente é correcto. Santiago non vai facer o que temos que facer nós. Salvo botarnos á cara as preguizas e malas prácticas. “Non quen di: Señor!, Señor!, entrará no reino dos ceos, senón quen cumpre a vontade de Deus”. Xa abonda de mentiras e de pregarias ocas e baleiras. Que razón tiña Curros: “Se este é o mundo que eu fixen...”.

E a Igrexa, todos nós, examinemos moi seriamente cal é a nosa responsabilidade, que certamente é grande desde hai ben séculos. Con luces e sombras.

O discursiño é unha interpelación forte en moitos sentidos. Eu limiteime á lingua e á cultura. Corresponderalles a outros as cumpridas análises noutros eidos, por exemplo no social, no de Angrois, etc... Entre todos completamos as teselas deste amplo mosaico.

O cabalo de Santiago, no Pazo de Raxoi. érguese aos pés indignado.
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES