Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

'Se jerra quéreis…'

lunes, 25 de julio de 2016
Si, xa sei que agora o guión está modernizado e moito mellor traballado ca cando eu era un mozo dos anos oitenta que ó longo do verán, na compaña dos meus amigos da vila, navegabamos ata que a orquestra libraba o palco, por tódalas festas da revolta, dende as primaverais Maravillas ata as xa outonizas do San Cribrao e da Saínza.

Como tamén sei que agora a representación desta última está moito mellor deseñada en cuestións escenográficas e que aquela castelanización forzada dos diálogos contan co correspondente asesoramento interpretativo. Sen embargo, non me negue, benquerido lector, que aquel esgotío étnico do cristián berrándolle ó mouro "se jerra queréis, jerra tendredes" non forma parte da nostalxia dunha época na que o que realmente importaba era a romaría de seu, así como o xantar ou a merenda campestre e non tanto o número de asistentes ou a calidade escénica da teatralización.

Escribo hoxe da Romaría da Saínza por unha mera concatenación de ideas que se ensarillan no primeiro elo da cadea con outra romaría semellante que nantronte tivo lugar na aldea da Retorta, municipio de Laza, onde os mouros e os cristiáns libran tamén batalla entre o "ben" e o "mal", co trunfo final -loxicamente- do ben sobre o mal, como non podía ser doutro xeito.

Pois si, foi lendo o xornal de onte e contemplando unha fotografía de Martiño Pinal, cos mouros axeonllados ós pés dos cabaleiros cruzados, que me veu á idea unha reflexión que paga a pena compartir con vostede, benquerido lector, pois dáme a min que en non moito tempo acabará sendo obxecto de debate, provocado seguramente polos adalides do politicamente correcto, igual que están sendo outras manifestacións festivas que contan con animais entre os seus protagonistas, agás, iso si, os intocables San Fermíns.

Avanzando, como avanza, cinco séculos despois, a reconquista de Occidente -ou do Andalus, a dicir dalgúns dirixentes yihadistas- con tan desalmada e descarnada crueza, non é por dar ideas, pero non me estrañaría que en calquera intre algún colectivo de aquí ou de acolá solicitara a suspensión destas romarías de mouros e cristiáns -que contan con moita máis tradición aínda no Mediterráneo-, co fin -por unha banda- de non danar a memoria dos milleiros de mortos que van caendo cada cando, nantronte en Madrid, onte en Londres e hoxe en París, Bruxelas ou Niza, e pola outra, non incomodar aínda máis ó monstro, non vaia ser que tamén se vexan por esta vía agraviados e teñan outra desculpa pola que matar.

Si, xa sei que estou facendo columnismo-ficción. Pero ó mesmo tempo que o fago, pode crerme se lle digo que tamén fago votos por errar de plano a plano.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES