Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Con Agustín Fernández Paz na memoria

viernes, 22 de julio de 2016
Con Agustín Fernández Paz na memoriaQuedei consternado cando chegou a min a mala nova do falecemento de Agustín Fernández Paz, e malia que sabía que Agustín padecía unha enfermidade desas que teñen moi mal prognóstico, quixen crer que pouco a pouco a superaría, pero non foi así. O meu amigo Bernardo Maiz víao de cando en vez en Vigo e contábame como estaba malia non ser Fernández Paz deses amigos cos que eu tiña contacto frecuente, pois non o vía dende que deixara Mugardos onde exerceu a docencia perante algúns anos no Colexio de Catro Camiños e diso xa vai tempo. Coincidiamos no ximnasio polos albores dos oitenta e, namentres pedaleabamos nas bicis estáticas ou corríamos na cinta, falabamos. El preguntábame como ía a miña música con iso da canción galega e eu interesábame polas súas experiencias cos nenos e nenas da vila, si se atopaba contento entre nós, e polos seus proxectos pedagóxicos que chegaron a ser un referente en Galicia para a familia do maxisterio, para todos aqueles que tiñan interese nunha renovación pedagóxica que estimulara aos alumnos na creatividade indo cara a utopía de tentar cambiar o mundo dende as aulas. E logo a necesidade de escribir, de contar historias, contos que tivesen que ver coa realidade, as veces crúa, lonxe dos relatos ao uso a maioría pusilánimes. Agustín Fernández Paz conseguiu algo importantísimo: que a xente, si, a xente en xeral, lera en galego e que nas escolas houbese material pedagóxico en galego. Comezou, segundo ten manifestado, a escribir en Mugardos para os seus alumnos unha especie de novela por entregas na que os seus protagonistas eran dous rapaces da vila. A partires de aí Agustín Fernández non parou de escribir e de acadar importantes premios. Nun exercicio de coherencia renunciou a recoller o Premio de Cultura da Xunta no ano 2010 por non estar de acordo na política lingüística aplicada polo goberno galego.

Houbo en Mugardos unhas xornadas pedagóxicas que se celebraban no verán organizadas por Agustín Fernández Paz coa colaboración doutros compañeiros ás que asistía profesorado de toda Galicia e Mugardos convertíase en referencia para todos aqueles que ían na procura de innovación niso da ensinanza. A etapa de Agustín Fernández en Mugardos foi decisiva, tanto que sempre que tiña ocasión manifestaba que a súa estadía na vila o marcou de tal xeito que non sería o mesmo de non pasar eses anos aquí. A pegada que deixou este mestre excepcional en Mugardos foi grande, moi grande e os seus alumnos, entre os que se atopaba a miña filla, sempre o recordaron con moito agarimo pola empatía que conseguía establecer e porque as súas clases eran...outra cousa. Nas clases de Agustín ensinábase a aprender. Moitos dos postulados expostos naquelas Xornadas Pedagóxicas pasaron aos libros de texto e Agustín chegou a ser un profesor e un escritor exemplar. Mugardos débelle moito a este mestre que exerceu na vila perante dez anos e non habería mellor cousa que recoñecérllelo. Como? Pois teño unha idea: a escola onde ensinou perante eses anos coñecese como Escola de Catro Camiños,. Que tal se lle engadíramos como apelido Agustín Fernández Paz?: Escola de Catro Camiños Agustín Fernández Paz. Un xeito fermoso de honrar e gardar a memoria de aquel que tanto fixo pola educación dos nosos fillos e dos nenos e nenas de Galicia, que nos deleitou coas súas escritas e que vivirá sempre entre nós cos libros que deixou. Gloria a este mestre exemplar!
Rubia, Xoan
Rubia, Xoan


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES