Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Gratitude á Xuíza instrutora da Operación Rei

jueves, 21 de julio de 2016
Penso coller algún días de descanso nisto das colaboracións con GaliciaDixital, e dígoo pra que aqueles que me len e se preocupan pola miña saúde non pensen que estou peor. Graciñas.

E grazas á Audiencia Provincial podo despedirme, aínda que se Deus quere sexa temporalmente, dando todas as grazas que me sexa posible, nunca as que ela merece, á xuíza instrutora da Operación Rei. Amo ó meu Concello de Castro de Rei e ás súas xentes e na medida do posible tratei e trato de dalo a coñecer; pero pra min é impensable unha publicidade tan grandísima como a que nos fixo a devandita xuíza.

Claro que tampouco eu dispoño dos medios de que dispuxo ela; porque ben mirado, a cousa tivo que saír moi cara. Eu nunca podería concentrar en Castro de Rei, aló non sei canto tempo hai, polo menos sete anos, a tantos policías e medios informativos pra daren conta da detención do Alcalde, Xoán Xosé Díaz Valiño e de tres concelleiros máis, e do saqueo do Concello sen deixar lista do levado.

Logo viñeron as noites de calabozo dos detidos das que tamén se deu cumprida información así como do traslado do Alcalde desde as dependencias policiais ata a sede dos xulgados, un quilómetro aínda non ben, en furgón da policía coas sereas a todo volume e as luciñas vólvense tolas de tanto xirar. Iso non pode mandalo calquera.

A todos eses custos haberá que engadir a cantidade de persoal que estivo traballando neste caso tanto tempo, por exemplo os funcionarios que tiveron que estar máis dun ano noite e día atusmando ás chamadas telefónicas dos interfeutos a ver se caía a presa, facer os resumes ó seu xeito, pasalos, etc., e todo pra nada por seren escoitas ilegais conforme ditou a Audiencia e xa era visto. Cantísimos folios se emborrancharon tamén pra nada, (menos mal que se poderán reciclar), tinta, tóner, cds, puf!, o demo maior.

Cantísimo traballo e horas sen durmir da xuíza e todo por dar a coñecer Castro de Rei. Supoño que a iso se debe que tendo o traballo que tiña no seu xulgado, ata o punto de que deixou esquecido algún caso menos espectacular do que non se volveu a falar, como aquel do tráfico de inmigrantes, retivese a Operación Rei sen mandala a reparto e sen importarlle a ilegalidade do asunto. Iso si que é querer, o demais son mandangas.

Ó mellor tamén habería que meter en gastos algúns agasalliños menores dalgún medio pra obter filtracións e vender unha ducia máis de xornais, pero iso é pecata minuta. O gordo, gordo, pagámolo todos.

O que ninguén vai pagar, porque non ten prezo, son os danos de todo tipo causados ós imputados. Xa sei que unha das grandes reformas do Ministerio de Xustiza é chamarlles encausados, pero como non ten carácter retroactivo, estes son imputados. Polo camiño ata o xuízo na Audiencia fóronse desimputando doce de vinte. E, co respecto que me merece, imaxino á súa señoría coma unha pereira baixota á que lle van caendo case todas as peras sen espapallarse, por ser baixa, e ó final as que lle quedan son de plástico. É coma pra cambiar de clima e ir probar a Andalucía. Menos mal que cando se foi xa estaba feita case toda a publicidade.

Por todo iso moitísimas grazas. Co das multas de tráfico, a Operación Rei, o sentirse vixiada e acosada por orde de algún xuíz da Audiencia e algunha argalladiña máis, deixou tras de si un ronsel, -que tamén se di estela-, non doado de borrar.

Non me colleu de sorpresa a sentenza da Audiencia Provincial, porque hai anos que coñezo e trato a todos e a cada un dos xulgados, pero alédome de que se faga pública a súa inocencia e espero que semellante tropelía poida servir de escarmento a xuíces que, de tanto traballar en seco, poden acabar queimando o embrague. E agora que falo de embragues, penso que a ITV periódica debería ser obrigatoria máis ca prós vehículos.

A xustiza está por riba das leis cambiantes, por iso a veces pra ser xustos hai que bordear a legalidade. Iso tiña comentado algunha vez co amigo Valiño e algo diso puideron facer os non absoltos, porque absólvese a un culpable e estes son inocentes por sentenza, de Castro de Rei.

Non é pra tomar a cachondeo que se trate de condenar a alguén porque, pra non perder unha subvención, certifica que está funcionando o ascensor externo da Casa do Concello, -porque estaba funcionando-, aínda que lle faltasen de poñer uns embelecedores. Ven sendo algo así coma querer dar por nulo un matrimonio porque á noiva lle faltaba unha pizca de esmalte nunha uña do pé dereito.

Non sei que pinta neste caso o denunciante da Operación Marbella. Mellor dito, si, seino e sabémolo todos os que coñecemos a súa traxectoria, pero non quero perder tempo falando do que non o merece.

Bromas son bromas, aínda que ben pensado a cousa évos moi seria.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES