Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Nadal na alta montaña luguesa

jueves, 28 de diciembre de 2006
(O pasado, relixioso; o actual, comercial; ¿o futuro...!?)

O pasado, íntimo e festivo (¡xa contaminado!) está presente aínda nas persoas maiores (hoxe a maioría) pero a piques de desaparecer. O presente segue as rotas do consumo e da evasión que lle marca a publicidade sen se preguntar que se celebra e por que. E o futuro, previsible. Vai ser o que os donos e manipuladores da globalización económica queiran. Esa é a realidade. Ao Nadal actual non lle queda case nada da súa orixe e motivacións. ¡Está desfigurado!

En varias entregas, imos tentar de desentrañar, ao través da historia, costumes e tradicións, a vida e riqueza interior que posúen os labregos e labregas da Alta Montaña luguesa. Unha comunidade especial que vive nunha simbiose e comuñón coa natureza, cos animais, coas persoas e con Deus. En perfecta harmonía. O ritmo vénlle dado por dous ciclos: o das estacións que rexen sementeiras e colleitas (con lúa polo medio) e o que aporta o calendario litúrxico cos seus tempos fortes do Nadal e a Pascua e outras festas. Ollando cara ó ceo. Con conciencia de comunidade e de dependencia. E cunha climatoloxía agresiva parte do ano.

Nestes tempos do consumo, da globalización e das présas, é de lei recoñecerlles (e agradecer) souberan vivir e conservar os valores da sinxeleza, da paciencia, da calma, da sinceridade, da honradez, da acollida, do traballo...e mesmo da súa especial filosofía da vida. Polas súas semellanzas no pensar, vivir, en se organizar, divertirse e rezar, podemos unificar as Zonas. Abonda con tirar unha liña Norte/Sur que partindo de A Fonsagrada, siga por Navia de Suarna, Cervantes e Pedrafita do Cebreiro co remate no Caurel. Os cumes máis elevados destas serras orientais galegas están entre os 1.400/1.800 m. altitude. A orografía, o clima e a súa fauna/flora son case iguais. Posúen a mesma cultura, costumes, traballos, atrancos e lecer. Tamén a fala dialectal propia pola boa convivencia/sintonía cos veciños de Asturias e León.

Para comprender a súa vida e a necesidade de xuntanzas (festas/feiras, celebracións) cómpre lembrar datos: No l900 triplicaban a poboación actual; no 1950, duplicábana. Sen estradas ou pistas, sen luz eléctrica até os anos 60/70. A maioría, sen escola. As aldeas grandes, illadas e coas casas cheas. O ámbito familiar e veciñal abondoso pero sen medios. A maioría das familias coa media de 6/8 fillos. Ao redor dun mesmo lume tres xeracións. A capitalidade do municipio lonxe. Lugo, para moitos, a dous días. A soidade e illamento (a necesidade) obrigounos a organizarse. Velaí os traballos colectivos: Os da casa, con axuda comunal para rogas, carretos, mallas, matanzas... e os comunitarios para quendas das veceiras, augas, muíños, camiños...E para animar a vida cotiá. Tempo e persoal dabondo. Por iso abondaban tabernas e xuntanzas, á noitiña, nunha cociña, curro ou palleira nas que se falaba de todo e non faltaban contos, romances e cantigas. Son os xa famosos “fiandóns ou filandóns” (Zona de Pedrafita e do Caurel) e as “polavila” da Zona da Fonsagrada, Navia e Cervantes.

Cada tempo ten as súas festas/tradicións nas capelas, parroquias e no ámbito supra parroquial. Subliñamos; o Nadal (Noiteboa/Nadal co Ano Vello/Novo e Reis), o Antroido (coas súas comparsas), a Coresma (cos seus “calvarios cantados” que celebraban nas capelas, sen crego), a Semana Santa (Ramos, Xoves/Venres Santo e Pascua), as fogueiras do san Xoán (e doutras festas), a de Santos/Defuntos e as das santas e/ou santos das parroquias e das capelas (San Roque, San Antonio, San Brais, Santa Bárbara e outros santos/as avogosos/as) e as grandes festas milagreiras de cada Comarca ás que todos e todas se ofrecen (van de “ofrecidos/as”) dun ano para o seguinte.

De todos estes temas seguiremos a falar/comentar, polo miúdo, nas próximas entregas.
Mato, Xesús
Mato, Xesús


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES