Na angueira e mais videntes
Cabada Castro, Manuel - domingo, 17 de julio de 2016
Unha vez máis é Lucas, no seu evanxeo do domingo, o único que entre os evanxelistas nos presenta a conmovedora escena de Xesús en diálogo con Marta e María. Debémoslle, pois, agradecer, que nos teña transmitido estas conversas tan fermosas e significativas de Xesús coas dúas irmás. Trátase dunha escena que nos mostra tamén o tradicional papel das mulleres ocupadas cos labores da casa. Aínda hoxe, sexa por un machismo máis ou menos agachado ou polo que sexa, o certo é que á meirande parte das mulleres se lles segue a aprender que é a elas a quen lles toca encargarse da cociña, lavar a vaixela e cousas semellantes, ademais naturalmente de ocupárense de coidar dos nenos.
Neste doméstico cadro tradicional, resúltanos tamén comprensíbel a queixa que Marta lle formula a Xesús sobre que a súa irmá María pase o tempo alí na casa de conversa con el sen lle botar a ela unha man.
Xesús atopábase a gusto nesta casa e era privilexiado amigo da familia, tanto das dúas irmás coma do seu irmán Lázaro. Polo finado irmán delas chorará Xesús antes de lle devolver a vida; tanto que por iso comentaría con razón a xente o moito que o quería. Neste ambiente de mutua confianza e aprecio, Xesús segue a comunicarnos (a elas e a nós) cousas importantes.
Non poucas veces se ten interpretado a resposta de Xesús a Marta como unha especie de xerarquización pola que a vida chamada contemplativa estaría por encima da vida activa ou das actividades profanas e normais. Para entendérmonos, unha monxa contemplativa estaría polo mesmo feito de ser tal por enriba dunha nai de familia dedicada ós coidados exteriores da casa e dos fillos. É o que parece á primeira vista dar a entender a resposta de Xesús a Marta de que só unha cousa é necesaria, esa mellor parte escolleita por María que se dedicaba a escoitar a Xesús e a falar con el.
Mais non semella que sexa esa a interpretación máis axeitada. O que máis ben nos quere dicir Xesús é que a contemplación, é dicir, a oración ou a relación con Deus -tal como a practicaba Xesús co seu Pai Deus e que Lucas tantas veces pon de relevo no seu evanxeo-, vén sendo algo así como a fonte da que provén o noso bo facer, as nosas boas accións. Marta e María veñen simbolizar así dúas actitudes (a contemplación e maila acción) que non debemos disociar, senón conxuntar.
Este luns pasado, o día 11 de xullo, celebrouse, sobre todo na veciña Pontevedra, a festa do noso querido e popular santo, san Bieito, o fundador e precursor do monacato. Os monxes bieitos que del proceden foron os que botaron a andar aquel sinxelo lema latino ora et labora, é dicir, reza e traballa, ou sexa e en certo modo, sé María e sé tamén Marta. Por iso moitas das máis antigas ordes relixiosas dedicaban ou dedican aínda de feito tempo abondo á oración en común, ó chamado coro, etc., e tamén ó traballo manual e á atención espiritual e cultural das persoas da comarca.
Máis modernamente, aínda que pasaron xa algúns séculos desde entón, San Ignacio de Loiola, o fundador da Compañía de Xesús, dos xesuítas -entre os que nos contamos os que tentamos facervos algún servizo nesta igrexa dos Apóstolos- sorprendeu na súa época coa supresión do tradicional coro, é dicir, chamou a atención coa súa ruptura da separación tradicional, polo menos simbólica, que había entre rezar ou orar e traballar. O que quería San Ignacio era que a vida toda dos que se consagrasen a Deus e á Igrexa na Compañía de Xesús fose toda ela e ó mesmo tempo, sen mutuas separacións, oración e traballo. Neste senso, poderiamos formular a intención de San Ignacio, á diferenza do que ocorría noutras Ordes anteriores, da seguinte maneira: ora traballando ou traballa orando. Un traballo naturalmente moi diversificado entre moi diversas clases de persoas. Pero en calquera caso un traballo -é dicir, tipo Marta- que debería ser ó tempo sempre contemplativo -é dicir, tipo María-. De aquí provén o ben coñecido lema xesuítico de intentar ser contemplativo na acción. É dicir, ser persoa contemplativa non só antes ou despois da acción, senón sempre, e polo tanto tamén durante a acción mesma, no traballo mesmo.
De todos modos, para San Ignacio e para a Compañía de Xesús por el fundada o primeiro era sempre o primeiro. Quero dicir, a oración e a unión con Deus era máis importante cós medios exteriores. Ou tal como literalmente se di: Os medios que unen o instrumento con Deus son máis eficaces ca aqueles que o dispoñen cos homes.
Volvendo de novo ás lecturas da liturxia dominical, dinos Lucas que, mentres Marta se dedicaba afanosamente ós seus labores, María estaba sentada ós pés de Xesús, escoitando a súa palabra. Podemos neste sentido pensar tamén na escena que se nos refire hoxe no libro da Xénese sobre Abrahán, sentado tamén á entrada da súa tenda. Quizais estivese el tamén a falar no seu interior co Deus que o guiaba e acompañaba no seu longo peregrinar. En calquera caso, é nese momento cando se lle aparece o Señor, segundo se nos conta no relato, na figura de tres homes que van de camiño (peregrinos tamén coma Abrahán). A súa muller Sara, coma outra Marta, afanaríase seguramente no interior da tenda nos seus labores. Pois ben, a contemplación do Abrahán sentado á beira da súa tenda transfórmase de súpeto en amorosa e hospitalaria solicitude en relación con aqueles tres homes que acaban de achegarse á súa tenda.
Vese ben así como a contemplación potencia e dá vida á acción, uníndose a ela e xerando así froitos de fraternidade e amizade. O contemplativo Abrahán toma axiña a iniciativa cos tres inesperados peregrinos, non deixando que se vaian sen lles dar repouso e xantar. Sen esperar a que llo pidan e forzándoos en certo modo a que se deteñan por algún tempo con el onda a súa tenda.
Vemos tamén así como facer o ben, ese ben ó que Deus nos capacita coa súa presenza e co seu amor, produce ou reproduce sempre tamén bens naqueles mesmos que o realizan.
Ese é o galano que se contén na promesa que lle fan os tres, é dicir, o Deus mesmo representados polos tres viandantes, á Abrahán: Para o ano que vén Sara, a túa muller, terá un fillo. Pois Deus endexamais deixa que o superemos a el no que toca a xenerosidade.

Cabada Castro, Manuel