Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O padrino de Maduro

miércoles, 20 de julio de 2016
O padrino de Maduro Nunha visible carreira contra o tempo, acosado pola gravidade da crise socioeconómica, dos esforzos opositores por propiciar un referendo revogatorio contra o seu mandato para 2016, das vicisitudes dun incerto diálogo político avaliado dende o exterior e, finalmente, das negociacións existentes na OEA sobre a posibilidade de adopción da Carta Democrática cara Venezuela, a decisión do presidente Nicolás Maduro de designar ao Ministro de Defensa, Vladimir Padrino, como abandeirado da Gran Misión Abastecemento Soberano e Seguro, outorgándolle practicamente a maior parte do peso político e do control decisivo á Forza Armada Nacional Bolivariana (FANB), determina un súbito epílogo do “post-chavismo”, ancorado en apoiarse inevitablemente no estamento militar ante a súa aparente incapacidade política e institucional para reverter a crise venezolana.

Este contexto supón un reforzamento do papel dunha FANB que asúmese practicamente como o único actor estratéxico decisivo dentro dun hipotético proceso de transición política en Venezuela. Toda vez, a estrutura institucional encarnada no goberno de Maduro e do Partido Socialista Unificado de Venezuela (PSUV) non semella aparentemente capacitado para afrontar con garantías as solucións necesarias para aliviar a peor crise da historia contemporánea de Venezuela.

Incluso, este reforzamento político da FANB, con aires de encarnar un sentido pretoriano de poder amparado constitucionalmente na súa prerrogativa deliberante en materia política e dentro da reiterada conxunción “cívico-militar” que se atribúe ao proceso bolivariano e socialista instaurado desde 1999, intúe unha estratexia política por parte de Maduro de afianzar a neutralización das forzas opositoras e, especialmente, do papel institucional da Asemblea Nacional, baixo control opositor tralas eleccións lexislativas de decembro pasado.

Pretorianismo á venezolana
Amparado nos poderes establecidos dentro do decreto de Emerxencia Económica emitido en maio pasado por Maduro, e que lle outorga á presidencia poderes especiais para lexislar nesa materia por riba da Constitución e da Asemblea Nacional, o reto que se lle presenta agora a Padrino e á FANB adoita observar unha misión política por parte do estamento militar.

As primeiras declaracións de Padrino, tendentes a focalizar na necesidade de aplicar “disciplina” á cadea de abastecemento de produtos básicos de cara á poboación, afirma igualmente o notorio fracaso dos Comité Locais de Abastecemento e de Produción (CLAP), instituídos por Maduro nos derradeiros meses, e a necesidade de que a FANB asuma un control cada vez maior.

Dentro do actual gabinete gobernamental, un total de dez dos 30 ministros de Maduro son militares, destacando os relativos á economía e seguridade. Con 165.000 efectivos, 25.000 deles na reserva e decenas de miles establecidos en torno á Milicia Nacional Bolivariana (MNB), a FANB posúe un enorme poder político, militar e económico (1). Este dato non é casual nin tampouco insignificante debido a que consolida este poder político do estamento militar dentro da estrutura institucional a nivel estatal e incluso dentro do gobernante PSUV, colocándoo como o verdadeiro factor de poder en Venezuela.

Debe por tanto advertirse que este funcionamento resulta estratexicamente consolidado a través de diversos organismos controlados directamente pola FANB e amparados dentro da Lei Orgánica da Forza Armada Nacional Bolivariana (2014), en especial o Comando Estratéxico Operacional (CECOFANB), as Rexións Estratéxicas de Defensas Integral (REDI), as Zonas Operativas de Defensa Integral (ZODI) e as Áreas de Defensa Integral (ADI) (2). Estas estruturas, que intúen igualmente un reordenamento xeopolítico a nivel nacional, moi seguramente serán reactivadas e reforzadas tralos recentes decretos de Maduro de reforzamento da FANB.

O peso do estamento militar aumenta considerablemente no sector económico, particularmente nas estratéxicas industrias petroleira e mineira. En marzo pasado, Maduro creou C.A. Militar de Industrias Mineral, Petrolíferas e de Gas (CAMIMPEG), unha empresa controlada por militares e facultada para labores de prospección, explotación e distribución de cru e gas natural. Neste apartado, Maduro deulle a CAMIMPEG un peso maior no control do estratéxico Arco Mineiro establecido no estado Bolívar (ao Sur de Venezuela), que conta cunha das maiores reservas auríferas a nivel mundial, e na que CAMIMPEG comezará as súas operación con empresas chinesas.

Resulta por tanto relevante observar en qué sentido CAMIMPEG, así como outras empresas en mans de militares que moi probablemente veranse beneficiadas co recente decreto de Maduro sobre “abastecemento soberano e seguro”, comezará a gañar peso dentro da estrutura institucional económica venezolana, incluso desprazando a outros actores como a estatal Petróleos de Venezuela (PDVSA).

Todo isto sen desestimar qué sucederá a partir de agora cunha FANB reforzada no seu control estatal, toda vez ven sendo constantes as denuncias por parte de ONGs así como de voceiros da oposición venezolana sobre presunta deriva autoritaria e militarista na sociedade venezolana, que dea curso a presuntas violacións das liberdades políticas e dos dereitos humanos, particularmente atribuídas a organismos de seguridade estatal controlados por militares. Ó mesmo tempo xorden suspicacias sobre o poder real da FANB neste novo contexto, toda vez existen investigacións sobre presunta corrupción e visos de impunidade xudicial por parte de altos cargos “chavistas”, algúns deles militares.

Neste último apartado causa suspicacia entre algúns sectores opositores venezolanos así como en representantes políticos en EEUU, de que Padrino López non fora incluído na listaxe de altos cargos venezolanos sancionados por Washington, realizada en febreiro de 2015 por parte da administración Obama, tomando en conta que diversas informacións atribúen á FANB un peso determinado nas acusacións de presunta represión das manifestacións opositoras entre febreiro e abril de 2014.

Con todo, resulta igualmente perceptible que Padrino ten asumido unha posición claramente institucional e apegada á Constitución en momentos determinantes da crise política venezolana, tales como as tensións dentro do “chavismo” trala vitoria electoral opositora en decembro pasado, ou ante as constantes presións por parte de diversos sectores radicalizados contra a lexitimidade presidencial de Maduro, desequilibrando así calquera tentativa de afondamento da violencia política.

Epílogo do “post-chavismo”?
Con todo, está por ver cómo este novo contexto incide na reacción que terá a sociedade venezolana ante este novo escenario de reforzamento político, económico e institucional por parte da FANB. Este factor ten especial magnitude ante o crítico momento polo que transita a presidencia de Maduro e ante os cada vez mais evidentes síntomas de crise humanitaria en Venezuela.

Esta semana, o presidente venezolano decidiu reabrir a fronteira venezolana con Colombia coa finalidade de que milleiros de venezolanos poidan acceder a produtos básicos. Esta decisión evidenciou o estado de alarma nacional, toda vez provocou un auténtico aluvión de venezolanos cara as poboacións colombianas fronteirizas para poder comprar estes produtos. As autoridades locais colombianas contabilizaron en aproximadamente 35.000 venezolanos cruzando a fronteira (3).

Asumindo un control case absoluto dentro das estruturas estatais e principalmente do estratéxico control da cadea de produción e distribución económica, Padrino e a FANB terán nas súas mans as posibilidades de neutralizar calquera perspectiva de inestabilidade, principalmente ante os constantes rumores sobre un posible golpe militar ou incluso un “autogolpe” ao estilo fujimorista. Este contexto amplíase ante as presuntas reticencias do Alto Mando Militar de cara á preservación dalgunhas estruturas endóxenas establecidas polo “chavismo” (Milicia Armada, Consellos Comunais, movementos armados revolucionarios), así como das presións de sectores radicais opositores e do aumento da criminalidade, que amplíen a perspectiva de radicalización da interminable crise venezolana.

O propio secretario xeral da OEA, o uruguaio Luís Almagro, chegou a declarar publicamente que a única solución para a crise política venezolana era a realización dun referendo revogatorio, afirmando ó mesmo tempo que a Carta Democrática do organismo hemisférico xa está a piques de ser aplicada para Venezuela. Por tanto, o encadramento decisivo de Maduro cara o estamento militar ten visos de propiciar un contexto diverxente a estas presións internas e externas, motorizadas en acabar co seu mandato presidencial.

Deste xeito, a FANB asume unha alternativa cuxas implicacións moi probablemente alterarán e desequilibrarán as perspectivas políticas do “post-chavismo” a mediano e longo prazo. Está igualmente por ver se este papel do estamento militar terminará formalizando unha calculada transición política en Venezuela, reconstituíndo así mesmo o seu campo de representatividade política.


ENLACES:

(1) http://okdiario.com/internacional/2016/07/06/nicolas-maduro-prepara-autodefensa-anunciando-ejercito-mas-poder-venezuela-251663

(2) http://controlciudadano.org/web/wp-content/uploads/1-Estructura-FANB-definitivo-CASO-1V.pdf

(3) http://www.semana.com/mundo/articulo/venezolanos-cruzan-la-frontera-colombiana-para-comprar-alimentos-y-medicinas/481412
Mansilla Blanco, Roberto
Mansilla Blanco, Roberto


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES