
No cristal da mañá viguesa, unha voz degresada polos anos reverbera nos lastros da cidade: Requeixo, ¿que fas tanto ao sur? Detrás da voz xorde un home aviseirado, con casaco acolchado e amplos pantalóns azuis, poderosos zapatos marróns, bolso negro cruzado polo ombreiro e un caxato negro encintado en prata cabo da empuñadura. É Agustín Fernández Paz que cruza Marqués de Valladares á altura de Velázquez Moreno. Sorrío mentres se achega e abre os brazos para a aperta. Logo dos saúdos flúe a conversa. Falamos sobre libros, lembramos Vilalba e pregúntolle pola saúde. Ao primeiro responde co entusiasmo contaxioso que sempre o habitou. Ao segundo cun langor melancólico que lle envisa a ollada e o retrotrae á infancia. Do resto conta con serenidade, sabedor de que el é el e as súas circunstancias. Un vento marzal traizoeiro vai erguéndose, así que, logo de media hora de parola, despedímonos cun outro abrazo, longo, ben longo, como se os brazos soubesen xa que aquel encontro da pasada primavera ía ser o derradeiro.
O que as letras galegas deben a Agustín Fernández Paz non se dá contado: case medio século de labor entregue á nosa cultura, á súa lingua, ao pobo e máis de cincuenta libros publicados, entre os que se atopan varias obras de culto.
Levaba a escrita na xema dos dedos. As palabras espellábanlle no iris e o mundo íalle entrando polos cómbaros do seu perenne sorriso ata o fondal dos paradisos fantasiados. Escribía aquelas deliciosas maxinacións en cadernos sempre de papel amarelo e, aínda que amaba todas as súas creaturas, tenme confesado algunha vez que O centro do labirinto lle dera moitas alegrías e que tiña debilidade por algúns deses seus fillos que non foran tan queridos, como O laboratorio do doutor Nogueira ou Corredores de sombra. Mais non me cabe dúbida de que, nos últimos anos, Non hai noite tan longa, O rastro que deixamos e A viaxe de Gagarin foron tamén verbas benamadas por el.
Presumía das lecturas, nunca do que escribía. Nalgunha ocasión pregunteille cales eran os seus autores predilectos e descubrín que lera -obsesivamente, dicía- todo o que dera conseguido de Kafka, Ferrín, Valente, Joyce, Lovecraft, Camus, Rosalía, Chandler, Cunqueiro, os latinoamericanos do boom e, mais contra os nosos días, Auster, Szymborska, Rivas, Connolly ou Atxaga, devocións que sumaba ás que conservaba dende neno, como Verne, Salgari, Stevenson ou Poe, e aos grandes da LIX que coñeceu nos setenta vía tradución, como Rodari, Dahl, Gripe, Ende, Lindgren ou Wölfel.
Considerado un clásico en vida, el foi, en verdade, il meglior fabbro: sabía da maxia para descubrirnos as cidades do desexo, chamar a nosa atención sobre as flores radioactivas, medindo os contos por palabras, estivese preto ou lonxe do mar, curioso decote do tesouro do dragón Smaug, atento ás Raparigashjhj, contemplándoo todo coa lúa na fiestra e quilómetros de tundras no corredor. Con el aprendemos o enigma dos trece anos de Branca, coñecemos as cartas de inverno e o amor dos quince anos Marilyn. Non sei se algunha vez habitou na casa da Avenida do Parque 17. En todo caso, permaneceu sempre no centro do labirinto, entre a néboa escura, seguindo o exemplo do doutor Nogueira, a avanzar na noite de voraces sombras cun tren cargado de pasos misteriosos. E aínda que para el non tiñan segredos as escolas de piratas, por veces abraiábao o aire negro que se ergue dende os corredores de sombra, nesas horas nas que o único que queda é o amor e aló, lonxe, talvez nas lúas do Senegal, haxa quen ande a inventar damas ou fantasmas de luz, convencido de que non hai noite tan longa, de que o que importa é o rastro que deixamos e de que son precisos os soños e o noso único límite é un cosmos Gagarin.
Lembro que un día, hai catro anos, lle dixen: Se soubeses que o teu tempo se esgota, ¿que non te perdoarías non deixar escrito? Respondeu coa sabenza da que só son quen os seres irrepetibles: Sei que o meu tempo se esgota, non preciso do subxuntivo. Como calquera narrador, a través dos meus libros aspiro a deixar testemuña da miña visión da vida e da miña concepción do mundo. Abofé que o fixo. Boa viaxe Agustín.