A riqueza da diferencia
Bravos, Marisol - lunes, 02 de diciembre de 2002
Día das persoas discapacitadas (3 de Decembro)
Un ano máis estamos ante a conmemoración do día das persoas discapacitadas (3 de decembro). O soño de que este día sexa só unha referencia histórica non acaba de facerse realidade. Máis aínda, está anunciado o ano 2003 como o Ano Europeo das persoas discapacitadas. A Comisión encargada da organización quere destacar, unha vez máis, as barreiras e a discriminación a que teñen que enfrontarse. De seguro que organizará un evento importante e miles de actividades; xa coñecemos algunhas, por exemplo ¡sube a bordo! referido a un autobús que percorrerá os 15 países membros da Unión Europea. Certamente que un ano dá moito de si e xa nos estamos imaxinando ¿cantos actos para saír na foto? ¿canto diñeiro se investirá en burocracia? ¿cantos coordinadores de coordinadores haberá?
Non queremos negar os avances pero xa estamos cansos de plantexar sempre as mesmas reivindicacións dun colectivo que non cometeu máis delicto que sufrir unha minusvalía física como consecuencia dun accidente laboral ou de tráfico, unha enfermidade dexenerativa
Non deixa de asombrarnos que haxa que seguir reivindicando unha integración escolar con dignidade para certos nenos e que un coidador dependa da existencia dunha necesidade e non duns plantexamentos económicos. Aínda se consideran noticia plans de accesibilidade, transportes adaptados, plans de emprego, etc. Non están superados termos degradantes como deficientes, impedidos, anormais
nin tampouco conceptos como caridade, paternalismo... Seguen a falar de nós como un colectivo ó que hai que salvar.
A celebración está ahí e seguímonos preguntando se é necesario todo isto. Parece que os obxectivos van encamiñados a igualarnos cando o máis importante está en educar para saber valorar a diferencia. ¿canto se vai a investir nesta educación? Os que realmente me poden aportar algo, me fan máis reflexivo/a, me fan relativizar cousas
son os que coa súa diferencia camiñan, estudian, traballan, teñen ilusións
O noso secreto está en que non nos paramos tanto a pensar no que perdemos senón en sacarlle partido ó moito que temos. Señores gobernantes, señores comisionados destas suntuosas celebracións empecen por recoñecer vostedes a riqueza da nosa diferencia e traballen para que os demais nos vexan formando parte da sociedade. ¡Fagan posible a nosa integración xa! Empeñen os seus esforzos en abrirnos camiños a tódolos niveis, por lembrar algúns por se fose necesario: educación, laboral, sanidade, transporte, etc. Pero non só por nós, por facernos ese favor
senón polo que coa nosa diferencia imos aportar a esa sociedade que camiña cara unha uniformidade que xa empeza a ser preocupante. Hoxe máis que nunca é necesaria a nosa presencia.
Reivindicamos unha sociedade que recoñeza e acepte a diversidade como fundamento para a convivencia social, unha sociedade na que calquera ser humano vexa recoñecidos e respectados os seus dereitos e non encontre impedimentos para poñelos en práctica.

Bravos, Marisol
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora