Xirando 180 graos
Editorial - martes, 26 de diciembre de 2006
Levamos suspirando polo Ave desde hai tempo, a pesar de que os temas do ferrocarril témolos botado ás costas desde que a Renfe botou ás costas os temas relativos a Galicia.
Aínda así, comprendemos que o tren ten que ser importante factor de desenvolvemento, o medio máis asequible para transporte de viaxeiros e mercadorías entre as nosas cidades, vertebrando unha Galicia de progreso con dúas grandes ramas que levan a Coruña-Ferrol-Santiago e Vigo.
Pero o tren que temos é pesado e lento, pouco acorde cos tempos e as necesidades. E anceiamos o Ave, e desexamos o tren Vigo-Porto, para entroncar co entramado ferroviario do veciño Portugal.
Pensabamos ir na boa dirección, e que as autoridades traballaban na tarefa con xeitosa planificación e con perspectivas de éxito. Pois non. Gracias a Touriño enterámonos de que todo ia por mal camiño, en mala dirección. Pero despois dunha xuntanza en Badajoz, todo quedou arreglado.
Di Touriño que o cumio de Badajoz supuxo un xiro de 180 graos. Polo tanto camiñabamos nunha dirección, e agora imos na dirección oposta.
Oporto-Vigo vai ter a mesma prioridade que o tramo Lisboa-Madrid, o cal é lóxico porque Galicia está ben máis cerca de Portugal ca de Madrid. Haberá que volcarse para que estes vencellos se equilibren e non nos pechemos ó que a historia, a paisaxe e a lingua evidencian.
Xa non hai fronteiras políticas, pero aínda quedan as físicas das que a distancia e a máis difícil de superar.
Queremos crer que imos ven. E a fe, xa se sabe, move montañas. Entre as súas obras e a nosa fe, seguro que o imos conseguir. Galicia conectada a Portugal aínda pode aspirar a unha hora diferente cando os vencellos aló do Miño xustifiquen o cambio.
Sobre o do Ave, xa veremos. Orozco prometeulle ós membros do Rotary Club de Lugo apremiar ó Ministerio de Fomento inmediatamente despois das próximas eleccións municipais. ¿Son outros 180 graos na súa traxectoria?.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora