Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pequena historia do Ferreiro (II)

lunes, 18 de diciembre de 2006
Pequena historia do Ferreiro (II) Pequena historia do Ferreiro (II) OS TRABALLOS DE FORXA NA ACTUALIDADE
Os troques socio económicos e culturais que tiveron lugar nas últimas decadas en Galicia supuxeron romper dunha maneira definitiva co modelo agrario tradicional ao empregar maquinaria feita en serie, provocando que o número de ferreiros que continuaron o traballo decaese en sobexo. Entre as causas podiamos indicar a falta de motivación xeracional, pois foron os propios ferreiros, os primeiros en non inculcar aos seus fillos un oficio, que polas devanditas causas non lle atopaban saída, un oficio que se comezaba a aprender aos doce ano, pois as mulleres deixábanse a un lado quedando para elas outras tarefas das que dependía a boa marcha da casa como podía ser o cuidado das terras da labranza do gando e naturalmente dos fillos. Algúns dos obradoiros actuais dos ferreiros están adicados a arranxar certas pezas, ou en poucos casos, a fabricar algúns dos elementos tradicionais que requiren unha mestría que só poden transmitir os ferreiros. As forxas trocáronse por establecementos situados nas cidades onde se fan variantes modernizadas dos oficios populares. Actualmente os artesáns crean modelos novos grazas a sistemas de transformación contemporáneos mediante o que lle fornecen as factorias mediante un material feito a medias co que así aforran esforzo e tempo. Pódese decir que na actualidade as forxas case están desaparecidas, non obstante manteñense algunhas por mor do apreciadas que son as ferramentas feitas a modo tradicional, é dicir pezas de ferro de forma circular ou derivadas do ferro como as navallas que se fabrican en pequenos obradoiros. Actualmente igual que ocurre cos canteiros que teñen demandas entre outras de hórreos, cruceiros, balustradas… aos ferreiros solicítanos paras facer adobios como poden ser, enreixados varandas e mesmo esculturas o que o fai entrar de cheo na obra artística.
Podemos dicir que este oficio de ferreiro pervive en oficios derivados do seu traballo entre eles os latoeiros, deles aínda quedan algúns espallados polas vilas da Nosa Terra, sirva de exemplo un que tiña o seu obradoiro a carón da alameda de Chantada, aínda que os seus obxetos se vendan máis como enfeites que para outro servizo. Os navalleiros é un dos oficios que aínda perviven na provincia de Lugo en límites con Asturias. O ferrador é outro oficio, vencellado ao ferreiro que tivo no seu día unha grande importancia debido a cantidade de gando tanto cabalar como vacuno da Nosa Terra. O ferreiro ten que axeitar a ferradura ao casco do animal e para facelas usa a bigornia, aparello semellante a zafra do ferreiro, armada nun cepo de madeira. Para ferrar os bois e as vacas emprega os canelos, pezas de ferro de forma semicircular que na parte curva leva unhas furas para os cravos. Por último falaremos dos campaneiros aínda que hoxe os ferreiros dedícanse máis a reparción de campás que a consrtución.
Os ferreiro como tantos outros oficios tradicionais foinos abafando a vida que naturalmente evoluciona e fai que todo vaia cambiando. Porén isto non implica para que teñamos unha agarimosa lembranza para el porque con eles foise unha parte importante das nosas tradicións.

REFRÁNS, CANTIGAS E PEQUENOS CONTOS RELATIVOS AO OFICIO
O traballo do ferreiro de sempre a sociedade considerouno como un oficio feo polo luxado que sempre tiña que andar por mor do contacto a cotio co lume e o carbón o que se reflite nas cantigas e refráns populares nas que moitas veces se aconsella as mulleres, precisamente por estas circunstancia, que anden a procura doutro home para casar no canto do ferreiro pois só están namorados do martelo. Este feito xunto con outros moitos vencellados ao devandito oficio dase conta nos refrán e cantigas.
Os ferreiros para cumplir os mandados necesitaba moitas veces traballar día e noite e mesmo non podían refolgar nos domingos o que enzucou a máis dun crego, porque a xente prefería estar ao quente, nos frios días da invernía, nas forxas e non acudía a misa por iso os cregos estábanlles a recordar a cotío que os domingos non se traballaba. Este enfrontamento entre curas e ferreiros tamén se recolle en algunhas cantigas.

Velaquí unha escolma de refráns:
“Na casa do ferreiro todos aprenden a petar para poder o ferro estricar”.
“Se queres ter ferramentas para labrar onda o ferreiro tes que ir a buscar”.
“Ollo de ferreiro e compás de carpinteiro”.
“O ferreiro da maldición, cando ten ferro, non ten carbón e cando o ten, non ten devoción”.
“Un ferreiro a outro non lle fai dano”.
“Asopra ferreiro se queres gañar diñeiro”.
“De ferreiro a ferreiro non pasa diñeiro”.
“Non te cases cun ferreiro rapaciña que che pican as múxicas”.
“Nunca un ferreiro lle negou un cravo a outro ferreiro”.
“O ferreiro con barbas e as letras con babas”.
“O ferreiro sen carbón é coma o ano sin razón”.
“A muller do ferreiro por moi bonita que sexa sempre anda luxada por culpa da fornalla”.
“Quen polo aprendiz deixa ao ferreiro gasta o ferro e perde diñeiro”.
“Ser coma o ferreiro de moito estronicio que de tanto machacar esquecese do oficio”.
“Meniña se te casas cun ferreiro telo que lavar primeiro”.
“Chega o ferreiro coa súa tarefa á fin dándolle ao barquín”.
“Mentras haxa carbón na fornalla o ferreiro ten traballo para a xornada”.
“Macheta de carpinteiro, filla de taberneiro e calzóns de ferreiro non os quero por ningún diñeiro”.
“A muller do ferreiro ten unha salla que lla fixo o ferreiro cunha machada”.


En relación coas cantigas, atopamos as seguintes:

Non te cases cun ferreiro
que ten moito que lavar
cásate cun mariñeiro
que ven lavado do mar

Moito o crego o domingo se anoxaba
porque o ferreiro no ingre petaba
e o moi cego non contaba
que mentras un no ferro batía
o outro a campá tanxía.

Meniña non te cases cun ferreiro
que sempre estase a luxar
casate cun carniceiro
que tripas ache de dar

O ferreiro foi a misa
non soupo decir o Credo
cando tocaron a santos
acordouselle o martelo

Non te cases cun ferreiro
que te quiman as músicas
casate cun carpinteiro
que che fai cousas bonitas

A golpes das badalada do campaneiro
o Crego chama a misa a xente
pero ao escoitar o martelo do ferreiro
mellor acuden a fornalla para estar ao quente.

Quen queira saber das cousas
vaia a forxa do ferreiro
dea voltas polo forno
veña polo fiadeiro


Entre os ditos relacionados co oficio de ferreiro está o popular “Ter cara de Ferreiro” para referirse a alguén cuxo rostro indica o seu mal xorne, pero a realidade é outra pois os ferreiros moi ao contrario sempre se distinguiron pola hospitalidade con que acollía a toda a xente no seu lugar de traballo sobre todo cando a friaxe engomiñaba os dedos ou deixaba as facianas azuridas. Porque as forxas era un lugar a tergo para as xuntanzas da vecindade onde se intercambiaban novas nas conversas que a cotío tiñan lugar nelas e así pasar ao quente os longos días do inverno. Isto foi causa que moitos dos cregos entrasen en rifa cos ferreiros tal como o indican algunha das cantigas populares. O certo é que o dito ven dunha ocasión en que un ferreiro trabucouse a hora de coller un ferro, as veces as conversas cos siaeiros que acudían enchouchabano, e botou man dun ferro quente a expresión que lle quedou debeu ser tal que a xente cando alguén amosaba unha faciana de asoro por calquera circunstancia decíanlle quedouche a cara do ferreiro.

Dos contos está aquel no que Unha nai lle refraña a súa filla non casar cun ferreiro, e en troques si o fixese cun porqueiro, sabido o luxado que anda a cotío, polo que lle dixo:
- De xeito que cambiaches a fornalla polo cubil, non lle vexo eu a ganancia.

Ao que lle respondeu a filla moi perena.
- Miña nai, non che falta razón, pero direiche que as magras de xamón están sempre limpas.


Digamos como remate que a figura do ferreiro contribuiu, coas xuntanzas que a cotío se facían no seu habitual lugar de traballo a forxa, sobre todo nos longos días da invernía, ao intercambio de novas entre xentes para que saisen do seu aillamento individual e familiar e deste xeito fomentar e reforzar os sentimentos de solidariedade e de vecindade.
Ripalda, Xosé Lois
Ripalda, Xosé Lois


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES