Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Á Beira do Camiño: Compartir é Amar

lunes, 18 de diciembre de 2006
Estamos a oito días da celebración doutro aniversario da chegada histórica do Señor que veu compartir vida connosco. Acontecemento que ten de encher de esperanza e de ledicia aos que confían e esperan. A Palabra segue invitándonos a mudar o noso xeito de vivir, a preparármonos para recibir ao Señor que chega a liberarnos/salvarnos.

Como noutrora Xoán, o Bautista, os/as que nos confesamos seguidores de Xesús, temos tamén a obriga de proclamar, en voz alta e clara, o que sentimos e senten moitos dos nosos irmán/ás: ¡que hai necesidade e urxencia de cambiar, que non se pode seguir así, que este noso mundo e nós mesmos imos cara o desastre, que temos de volver a Deus e á sensatez! Nunha palabra: ¡Que temos que cambiar de actitudes e comportamentos!

A resposta axeitada arrinca de facérmonos, seria e responsablemente, a pregunta clave: ¿que podemos e debemos facer nosoutros? E personalizala aínda máis: ¿que podo e teño que facer eu!?. ¿Cando comezo!?. Non chega con se sumar ás chamadas, ás protestas. Iso tamén, pero insuficiente. O que, de verdade, é necesario, convence e acredita a nosa decisión debe chegar pola coherencia dos feitos da vida diaria. “Obras son amores...”

Coma sempre, volvemos ás fontes: Ante a pregunta dos dispostos/as a mudar de vida, Xoán non os invita a que se vaian con el ó deserto a vivir a súa vida ascética, nin que se vaian ó templo a esperar ó Mesías...senón a que, sinxelamente, onde queira que estean, co seu exemplo, vivan e loiten, a cotío, por unha sociedade máis solidaria e máis fraterna. Xoán non fala ás vítimas das inxustizas humanas (¡son inocentes!) senón que se dirixe aos responsables daquel estado de cousas. Diríxese aos que teñen as riquezas e poden comer todos os días, aos que se enriquecen de maneira inxusta á costa dos outros e aos que abusan do seu poder e da súa forza. Lembramos. Por compartir os bens: “O que teña dúas túnicas, que reparta co que non ten ningunha”. Pola xustiza: “Non esixades máis do establecido”. Pola Non-violencia: “Non fagades extorsión a ninguén”. Así de sinxelo. Ven dicirnos: Non vos aproveitedes de ninguén, non abusedes dos débiles, non vivades á conta dos outros, non pensedes só no voso benestar.

Programa que nunca pasa de moda. A xustiza, a paz e o amor, como base de toda vida humana. Todo iso sentido, querido e desexado tamén por toda persoa humana de ben. Obrigación para os/as cristiáns/ás. ¿Non son estes os grandes piares no que se apoian as sociedades modernas!?. Dar e compartir tamén o don da alegría para os que sofren soidade e depresión no Nadal (¡un terzo da poboación de España!); dar e compartir o don da paz para os que sofren as consecuencias das violencias, dos odios, das guerras e tamén das separacións familiares. Chamada a repartir, a compartir, a facer sitio a todo o mundo na grande mesa da numerosa familia humana, especialmente a todos aqueles que non teñen casa, pan, vestido, amigos, paz, alegría.....amor. ¡Iso é o Nadal!

Aínda que espero nos atopemos antes da Noiteboa (polo menos deste xeito), deséxovos sigades a medrar polo camiño do compartir, como froito do noso amor/xustiza e paz.

(17-XII-06-III D.Advento)
Mato, Xesús
Mato, Xesús


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES