Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Operación Rei

jueves, 23 de junio de 2016
Xa dixen máis veces que creo na xustiza como creo na bondade, na beleza, na imparcialidade, etc. como entes abstractos, pero afortunadamente desde o ano 1986 non creo na administración de xustiza. Nese ano sufrín a inxustiza dun xuízo por un accidente de circulación do que fun vítima por partida dobre: por esmendrellarme unha cadera, (non me vale cadeira, porque cadeira é onde un senta e cadera co que senta), un incauto tractorista e por case matarme a maquinaria da administración de xustiza un principio. O principio que ficou moribundo era: Prefiro enganarme algunha vez por confiar, ca atinar sempre por desconfiar. Curiosamente, un dos máis significados neste cuasi-asasinato foi un avogado do Estado que incomprensiblemente me mentiu e, defendendo ó Fondo de Garantía que tería que intervir por dar de quebra a compañía de seguros do tractorista, defendeu á conta miña e contra min ó Estado a quen eu nunca atacara.

Que non crea eu, que non son moi dado ó estudo de leis, na administración de xustiza non ten nada de particular, pero que non crean os mesmos lexisladores xa é algo máis grave. E non deben crer cando deixan a porta entreaberta pra apelacións que a miúdo contradín ou anulan a sentencia anterior. Tampouco se me oculta que a veces as leis fanse, non mirando á xustiza protectora de indefensos, senón á comenencia de poderosos. Por iso non quero perder moito tempo confundindo legalidade con xustiza. Por algo San Paulo, a quen lle fago máis caso ca moitos leguleios dixo: “A lei mata, pero o espírito vivifica” (2 Cor. 3 4-6). E por algo Xesús veu a dicir algo así como: Non se fixo o home pra escravo da lei, senón a lei pra servir ó home. El dixo literalmente: “Non se fixo o home pró sábado, senón o sábado pró home” (Mar. 2, 27-28). Xa escoito a algúns que viven das leis chamarme ácrata, pero como non sei o que significa, tiro para diante.

Dicía que non creo, afortunadamente. Si, a fortuna está en que ó non crer lévome menos decepcións e non me pillan de sorpresa certas actuación como a da bautizada civilmente non sei por quen como “Operación Rei”. (Saber seino pero non o quero dicir pra non privar ó posible lector da súa capacidade de pensar )

Por una vez vou facer uso dun título inmerecido que me deron sen pedilo e que me obriga a sufrir máis polo meu Concello e as súas xentes, miñas irmás, e a non ter pelos na lingua á hora de defendelo. O título foi o de Fillo Predilecto.

No caso desta “Operación” cumpriuse en grao superlativo o que acaba de dicir hai poucos días un fiscal referente a que a instrución mal levada pode converterse en persecución. Seguín de preto esta barbaridade porque me tocaba a alma polas persoas implicadas e pola imaxe que se estaba dando dun Concello que tamén resultou ser meu pai.

Cando pecho os ollos vexo un enorme globo de cor negro inchado con gases moi dañinos que ó longo de oito anos se foi desinflando, pero deixando tras si tremendas secuelas pra persoas concretas e pra este e outros concellos polo medo que lles meteu no corpo e, xa se sabe, o medo paraliza e un concello paralítico non pode cumprir coas súas funcións vitais.

Un desorbitado despregue de forzas do orde pra deter a alcalde e concelleiros, cando non había desorde. Os catro xinetes do Apocalipse multiplicados por outros catro, que significan guerra, fame, morte e vitoria conxurados por una xuíza que soñou con ser estrela como mecanismo psicolóxico de compensación por non terse reconciliado consigo mesma por verse como estéla. Todos os xinetes cumpriron co seu cometido menos o da vitoria. Non.

Nin as trompetas que anunciaron ós catro ventos as detencións, nis as sereas da policía anunciando ós medios informativos e ós cidadáns de Lugo capital o traslado dos imputados desde a comisaría de policía ó xulgado, nin a retención do caso contra toda legalidade non mandándoo a reparto, nin meses e meses coa anticonstitucional carabina cargada das ilegais escoitas telefónicas, parecen desembocar na vitoria final da estrela.

Un alcalde, catro concelleiros, unha secretaria e máis dunha ducia de imputados máis é una peza de caza maior sobre todo nunha cidade pequena e nunha provincia que se move a paso lento de tractor e máis maior é aínda, tendo en conta que o alcalde era deputado provincial. Casualmente nin el nin os concelleiros eran do PP, como casualmente non o era tampouco o exsubdelegado do Goberno nin algúns outros relacionados coa turbulenta trama das multas de tráfico, que mereceu amonestación de altas instancias pra unha estrela que a raíz diso e alegando que se sentía perseguida pola Audiencia Provincial decidiu poñer terra por medio e irse alumar aló moi abaixo. Unhas pezas así ben xustifican esquecerse doutras de caza menor como pode ser a explotación de inmigrantes ilegais que, por casualidade, levou á Operación Rei e da que nunca máis se soubo.

Celebrouse xuízo. Deume a impresión, so a impresión, de que o Fiscal Xefe na Audiencia ó mesmo tempo que rebaixaba moi considerablemente en dous días a petición inicial, pedía perdón de algún xeito ós encausados, e ó mesmo tempo desculpas, con certa vergoña, pra quen os encausou. “Sin las escuchas, (disque ilegais conforme ós avogados defensores), hai muy poquita cosa”.

Os danos causados foron incalculables. Aínda que sallan todos absoltos xa pagaron moi duramente ó longo de oito anos de incertezas e de verse sinalados co dedo. Quen repara eses danos? Aínda que non fosen inocentes, que o son ante a verdadeira xustiza, xa purgaron moi desproporcionadamente o seu mirar polo Concello.

Lévase bastante iso de dicir que se pon a man no lume por alguén. Felipe González pona por Chaves e Griñán. Eu nunca o dixen nin penso dicilo. Pra que poñer a man no lume? Pon a lingua a defender. Eu digo que coñezo ós encausados e que teño a certeza de que non cometeron inxustizas, aínda que pra seren xustos e mirar polo noso Concello a veces se visen forzados a cometer algunha ilegalidade das que son hoxe e non son mañá.
E non debería de haber unha especie de ITV periódica pra xuíces e xuízas dado que traballan con material moi delicado e non están exentos das baixas paixóns herdadas por todos os mortais co pecado orixinal?

Ah, se alguén ve por aí a Don Mario Conde, que acaba de saír de prisión coma un pincel despois de pagar unha altísima fianza á conta do que nos roubou, déanlle saúdos se fan o favor. Está claro. Non é que a xustiza non sexa igual pra todos. É que non todos somos iguais prá xustiza. Pero a culpa non é da XUSTIZA.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES