Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Vontade contra o pesimismo da realidade

viernes, 24 de junio de 2016
Case mellor non ler. Non saber. Permanecer na morna ignorancia, nesa aurea mediocritas que nos fai felices. Co fútbol. Cos realities. Co atordador balbordo político onde loitan tantos egos. Case mellor escapar como do demo das tertulias políticas onde acabas sen entender nada pero máis enfadado. Deixar que o ruído arrastre o catálogo de calamidades que ofertan os noticiarios.

Ou non. Mellor non. Hai que enterarse. Cómpre saber. Non nos gustan os nosos políticos pero, di El Roto, ao mellor con outros cambiamos de problemas.

Aquí en Galicia temos os nosos. Medran os xabarís. Avanza o monocultivo do eucalipto expulsando o leite, a pataca, a xente, pechando o rural. Galicia é campiona mundial de infecundidade, do fillo único, do non-fillo. Na próxima revisión do dicionario haberá que borrar a palabra irmán.

Como metáfora do que pasa, onde vai que pecharon as tendas para bebés nun país sen nenos. Camiñamos cara a esa maldición demográfica dun “país de anciáns, discutindo ideas antigas en casas vellas”, que dicía o demógrafo francés.

En 2014 Galicia perdeu 16.348 habitantes, é dicir, dous habitantes apéanse da demografía galega cada hora. 17.245 perdéramos no ano anterior. Daquela, non faltará un portavoz dicindo que imos polo bo camiño... de nada. Porque o número de habitantes baixou ata niveis de 2001. Só que agora somos quince anos máis vellos, mentres os nenos deberan estar declarados especie protexida en vías de extinción.

A que dedicarán o tempo os políticos? Pululan por San Caetano, polo Pazo do Hórreo, polas Deputacións. Cheos de boa vontade verán o mesmo que vemos. Galicia, di Manuel Rivas, 'se desadorna’ de xente. Tamén se desadorna doutra riqueza, as paisaxes, colonizadas polo matonismo do eucalipto, pola tristura das aldeas abandonadas.

Galicia vive co medo instalado no rural cunha pobación envellecida abandonada mesmo pola garda civil. Ten moitos vellos, unha riqueza desprezada que, atendida, xeraría empregos e riqueza. Tampouco é quen de reter e dar traballo á mocidade que vai quedando mentres a maioría, titulada e formada, vaise porque non teñen a alguén ben situado no organigrama do poder. Mocidade sen traballo significa que non casa. Que non compra ou aluga casa. Que non merca electrodomésticos, roupa, mobles. Que non consume. Instálase no presente e deixa de preparar o futuro.

O último titular que golpea di que 'a crise económica fai caer o consumo de moda xove en Galicia'. Éche o que hai, poucos rapaces e sen capacidade de gasto. Hai tempo que o sector se decatou de que non hai mercado galego de moda para xente nova.

Os datos da realidade son así de pesimistas. Como nada hai tan reaccionario como o inmovilismo, cómpre opoñer a eles, dicía Gramsci, a teimuda vontade de actuar.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES