Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de orballo

jueves, 23 de junio de 2016
O Universo do Silencio

Pingas de orballoQueda aí. Só. Co silencio. Non fales. Non fagas ruído. Ou escoita. Non sei. Fai o que queiras. O que queiras non, que senón fas ruído. O bonito é estar en silencio, quedar en silencio. O silencio é bonito, verdade? Sempre foi bonito. Ata a propia palabra é bonita: silencio. De todas formas, a algúns sempre lles gusta máis a o ruído. Entón, para estes, o ruído tamén é bonito. Si, pero onde estea o silencio...

Para min, o silencio está na lúa. Alá arriba. Tan lonxe. Sen ruídos. Que marabilla! Cada vez me repito máis a miúdo que quero ser astronauta. Para ir alá arriba. Para viaxar polo silencio. Sería como meterme nun embarazo, nunha preñez de silencio. E neste caso xa me dá igual a lúa que Mate ou Plutón. O caso é viaxar (en silencio) por entre as estrelas ou as galaxias ou os universos. Quero ser astronauta, me cago no mundo! Cala, rapaz. Non desvaríes. Queda aí. Só. Co silencio. Sen facer ruído. Pum! Pum! Pum! Non hai maneira! Quero emigrar de astronauta ó universo do silencio. Alá, tranquiliño, só, sen ruído. Sen ruído. Sen ruído. Oxalá puidera viaxar sen casco. O casco é molesto. É igual, o caso é estar en silencio. Marcho a Cabo Cañaveral a ver se me admiten. De astronauta! De que vai ser! Non quero ruídos no universo do silencio!

Teño uns minutos

Pingas de orballoTeño uns minutos para rezar tres avemarías e un nosopai... Polos que andan perdidos por entre as carballeiras da memoria. Polos que loitan contra as adversidades que lles presenta a vida diante dun espello. E hai espellos que desvirtúan as imaxes. Polos que morren ante o impacto dunhas balas que dispararon uns polo simple pracer de ver caer sangue sobre as beirarrúas da existencia. Tres avemarías polas que reciben golpes dunha media laranxa que, co tempo, podrecéronlle as ideas do bo comportamento. E pensan que o matrimonio é unha simple sinatura nun papel, ou que a convivencia son os primeiros sorrisos ó cruzar a porta dunha felicidade que non tarda en escachar. Un nosopai polos que pensan que a lúa está ó alcance de calquera sentimento. Pobres inocentes!

Teño uns minutos para pensar no que recei e chego á conclusión de que máis alá dun verso escrito hai un poema pensado, ou de que o camiño máis curto non é o que vai en liña recta. Ás veces arrodeamos para evitar o enfrontamento cun recanto da memoria, no que está escrito que non todos os soños son bonitos. De cando en vez asoman pesadelos que van e veñen por entre as pingas de suor dunha conciencia que non sabe acougar na curva da nostalxia. Rematei os minutos. Quedo en silencio.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES