Mendig@s preparad@s
Santalla, Iago - miércoles, 22 de junio de 2016
Atopei unha viñeta firmada por Polo onde dous executivos se sorprenden ao ver un enxeñeiro pedindo esmola. O comentario que fan é: Otra de las ventajas del capitalismo: garantiza una mendicidad muy preparada. A viñeta recrea a dura situación na que se atopan moitas persoas que tras anos de loita, de preparación e de forxar un currículo á altura do esixido vense forzados á emigración, á dependencia da familia ou a aceptar postos moi por debaixo da súa cualificación con salarios que non chegan para emanciparse.
Esta é a triste realidade dun país que seica vai saíndo da crise. O problema e que esta crise económica provocou unha desestabilización das persoas que estaban plenamente incluídas na sociedade e agora atópanse nunha situación de vulnerabilidade. Ante esta realidade, dicir que imos saíndo é unha inmoralidade, máis cando esta xente non ve a luz ao final do túnel e, tras anos de loita, segue cada vez máis feble na citada vulnerabilidade.
É necesario recuperar a vocación de servizo na política e non está de máis que veña cunha dose de empatía co sufrimento do pobo (que ao fin e ao cabo, en democracia, é quen máis ordena...). A empatía na política equivale a dar a cara en todo o tempo e lugar aínda a risco de saír perdendo...
O único que non pode perder en democracia é o pobo que merece unha xestión cabal que mire polo seu benestar e evite sufrimentos e exclusións sociais.
Queiramos ou non a mendicidade preparada é unha dura acusación contra clase política que ten que dar resposta a unha xuventude desexosa de facer porvir na súa terra e pola súa terra. Quen sexa capaz de empatizar coa mendicidade preparada e darlle resposta ás aspiracións lexitimamente forxadas e loitadas quizais teña a oportunidade de gobernar. A quen o consiga haberá que felicitalo pero tamén advertilo dunha realidade latente: este país non soporta máis decepcións...

Santalla, Iago
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora