Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Farruquiño na presentación dun libro de poemas

jueves, 16 de junio de 2016
O Farruquiño non fora á festa do chamado Día das letra galegas, como se dixo no seu día, por varias razóns. Una, porque lle cadrou de ter que andar ensilando e a outra porque ninguén o convidou, xa que el nin ten o elemental cursiño de iniciación ó galego e, polo visto, a estas cousas hai que ir con roupa axeitada, coma o do banquete de vodas do Evanxeo.

Pero agora quedou un pouco desafogado de traballo e o venres pasado foi comigo, ou mellor dito, fun eu con el, porque foi quen me levou, á terceira presentación do libro poemario VALURIA de Xosé Otero Canto, na casa da Cultura en Vilalba, promovida polo Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA). Antes presentárase en Castro de Rei, Concello do que somos os tres: Farruquiño, Otero e eu, e que probablemente sexa o Concello Chairego, ou da Valuria, que máis escritores ten por quilómetro cadrado. Despois, e antes de Vilalba, tamén se presentara na Galería Sargadelos de Lugo.

Cando levábamos rodados uns tres quilómetros, preguntoume:
-Podes falar?
Respondinlle:
-Podo así daquela maneira, pero quería aforrar algo a palleta, porque hei ter que dicir algo na presentación, se podo.
-Logo nada.
-Que era?
-Era que a min paréceme que iso da Festa das Letras Galegas é una alburgada.
-Por?
-Porque, no que eu entendo, con pequenas variacións, as letras son as mesmas en galego, en castelán, en francés…
-Tés razón. Debía ser: Festa da fala galega oral e escrita.

Xa non falamos máis ata Vilalba.
No acto interviñemos Manuel Santa Mariña polo IESCHA, Alfonso Blanco en representación de Xermolos que foi quen editou, Felipe Arias como prologuista, Xulio Xiz que coa mestría acostumada conduciu o acto, eu como baluro de honra da V(B)aluira, segundo dixeron, e, naturalmente, o autor poeta, Otero Canto que recitou algúns poemas, deu razón dos contidos e agradeceu efusivamente. Estaba previsto que os Baluros de teatro representasen unha escena de O Menciñeiro á forza, pero non puido ser.Tampouco puideron estar de corpo presente os Valuros de música e baile, porque tiñan que actuar esa noite en Luar, pero deixaron o seu DVD que abre precisamente co poema Valuria recitado polo seu autor con acompañamento musical deste grupo de tanta zona.

Xa de viaxe de regreso díxome o Farruquiño, non sen ceta sorna:
-Ti parecías o santo da procesión, porque todos te aludiron.
-Si -respondín- pero non hai lugar ó orgullo nin á soberbia, porque ningún santo sae á procesión sen que o saquen e a min ademais dalgúns amigos, sacáronme os Baluros e os Valuros. E aínda che vou dicir outra cousa: ningún santo pide en vida que o declaren santo… E máis… hai un san José María que non sei se o pediría, porque lles adiantou escentellado pola dereita a outros que levaban ben tempo agardando.

Moi serio retrucoume a compañeiro:
-E iso que dis, non será pecado?
-Home, non. Ó sumo será una pequena irreverencia con humor e supoño que os santos teñen tanto sentido do humor coma ti. Nunca oiches aquello de Santo Tomás Moro, que cando ía subir ó cadalso decaìtalo díxolles ós verdugos: Por favor, axúdenme a subir, que para baixar xa me areglarei eu.
-Non o oíra, non. Logo niso de ser santo tamén fai falta quen tire?
Un pouco desacougado respondinlle:
-Pon a curta, ou non ves que che dá as luces aquel que ven de fronte.
-Vale, pero podo facerche outra pregunta?
-Fai.

-Por que tanta teima coa Chaira, coa Valuria, co galego, con noso. Non somos cidadáns do mundo?
-Uf! Ninguén é cidadán do mundo ser sen de algures. A demarcación xeográfica na que nacemos ou vivimos é un elemento importante da configuración da nosa identidade, e agora que no rural o concepto de parroquia lles di pouco ou nada ós poucos novos que van vindo, haberá que acudir ó de comarca. O da fala, o do noso, é por non perder as raíces, agora que Son Goku tanto fala en chino mandarín coma en galego disecado. Non che dá que pensar que Xesús, co listísimo que era, non falase a lingua do culto, o hebreo, nin a dos cultos, o latín ou o grego, e falase o arameo, que era a lingua do pobo sinxelo e desprezado?
-Para custarche traballo falar, aínda colliches a volta ben aberta.
-Veña, atende a conducir, que xa acabei o cupo do tempo que me deixa o SERGAS falar cada día por mor do desgaste da prótese fonatoria

Un pouco máis adiante engadín sen darme conta:
-O Otero Canto aínda non se puxo a poñer a Biblia en verso, pero puxo en romance poético a paisaxe, a historia, a alma e a moitos persoeiros e persoeiras da Valuria.
-Ai, iso si. Mira que o da Legua Dereita debeulle dar que tecer. Se queres por aí outro día volvo a levarte.
-Bueno, gracias. Non me despido.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES