Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Vida e morte de Berta Cáceres

viernes, 17 de junio de 2016
Berta morreu este 3 de marzo. Matárona. Líder indíxena, ecoloxista, activista dos dereitos humanos, defensora dos indíxenas, dirixente opositora en Honduras. E muller. Tiña e exercía eses títulos na carreira da vida. E tiña todos os boletos na lotaría da morte.

Porque era hondureña. Sobrevivía loitando nun dos países máis inseguros e perigosos do mundo. Molestaba tanto que varios descoñecidos acabaron con ela na súa casa, na cidade de fermoso e imposible nome, La Esperanza. A nai desta muller admirable, outra loitadora pola vida, culpou ao goberno do asasinato. Porque Berta encabezaba un movemento opositor para que o Banco Mundial e a multinacional chinesa Sinohydro desistiran de construír unha central hidroeléctrica na sagrada terra dos lencas.

Perigos e ameazas non detiveron a esta muller forte armada só coa palabra, organizadora do pobo lenca, a maior etnia indíxena de Honduras, contra a represa de Agua Zarca. Pola súa teimuda loita na defensa da terra e dos ríos onde, según as súas crenzas, residen os espíritus femininos, Berta tivo o máximo galardón mundial para a defensa da natureza: o Premio Medioambiental Goldman. Alí pediu á humanidade que espertase, que as conciencias fosen sacudidas por estar só contemplando a autodestrución baseada na depredación do peor capitalismo.

Pagou coa vida alí onde a vida vale tanto e custa tan pouco, pero a campaña emprendida por esta muller conseguíu vencer ao xigante, un proxecto hidroeléctrico ao servizo da cobiza e non da xente.

Chama a atención que mentres os gobernos se reúnen nos seus cumios sobre o cambio climático que tan pouco cambian, son perseguidos e asasinados os que nas súas comunidades loitan na defensa da natureza, dos ríos e dos bosques da nai terra. Entre 2002 e 2015, cento once activistas foron asasinados en Honduras por opoñerse a megaproxectos que aumentaron expoñencialmente desde o golpe de estado de 2009. E avergoña que sexan empresas con capital alemán, estadounidense e canadense as que esquilman o pequeno país expulsando a xente con actividades agroindustriais, hidroeléctricas e mineiras en connivencia co corrupto poder político local e apoios financeiros internacionais.

Berta engadía un risco aínda maior na súa teimuda defensa do río e dos seus: ser muller e dirixente nunha sociedade armada ata os dentes, tan machista como a hondureña e ferozmente patriarcal. Contra as armas enfrontou a súa voz defendendo o modo de vida de catrocentos mil lencas que viven a carón do río Gualcarque, sagrado para o pobo e vital para a supervivencia.

Berta Cáceres, custodia da vida, da natureza, do río. Berta Cáceres, nai de catro fillos, que coas mulleres daba vida e termaba da esperanza do pobo, foi asasinada o tres de marzo en La Esperanza, Honduras.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES