Recopilación de Mini e Mero
Mato, Xesús - miércoles, 17 de abril de 2002
RECOPILACIÓN DE MINI E MERO. Cantos, Coplas e Romances de Cego (II).
OPHIUSA, Lugo, 2001. 390 páxinas.
Xosé Luis Rivas Cruz e Baldomero Iglesias Dobarrio son os nomes de pila de Mini e Mero, lucenses da Terra Chá, dabondo coñecidos no eido da música galega. Son mestres no rural, cofundadores de Fuxan os Ventos (1972-82), fundadores de A Quenlla (1984
?), musicólogos, intérpretes, autores de libros (Contos de Vellos para nenos- Somos Lenda Viva), etc. Amáis diso atoparon tempo para a recolla de música tradicional e da sabedoría popular da xente do rural. ¡Non só para recollela, coidala e conservala
senón tamén para transmitila-espallala e devolvérllela ó pobo, o menos contaminada posible!.
Cantos, Coplas e Romances de Cego (II) vén a se-la continuación do 1º tomo da serie que se tenta publicar ate esgota-lo arquivo. Son 196 testemuñas de transmisión oral. No soporte duns cantos, coplas e romances de cego
está reflectida parte da vida-historia dos galegos. Axudados por amigos (mesmo cregos e mestres), co mesmo agarimo co que espallaron a música popular na década dos 70 (con Fuxan os Ventos-Galicia canta ó neno, etc.)
adicáronse tamén a dialogar-intercambiar-beber cultura, viva aínda nos nosos sabios anónimos, na xente das nosas aldeas. ¡Unha das poucas oportunidades non perdidas, gracias á teima destes buscadores das súas-nosas raíces!.
O volume vai arrequentando cun prólogo (Obra de Camiñantes) de Anisia Miranda-Xosé Neira Vilas e a presentación (limiar) dos autores. Acompañan tamén o libro: un cartel (unha historia de amores tronzados con debuxos de Sabela Arias (ilustración da portada) e tres CDs coas melodías de 94 temas nas voces dos seus propios informantes-intérpretes.
Estamos ante un traballo serio-riguroso-coherente. Así foi, así sucedeu
¡e así hai que contalo-amosalo! ¡Sen arranxos-compoñendas!. Un material a disposición dos expertos que son os que teñen a obriga e a tarefa de profundar na alma destas manifestacións tradicionais.
Que esta nova aportación axude ós estudiosos do folclore (e a cultura popular en xeral) a coñecer mellor e ¡a valorar-amar máis! a Galicia e á súa-nosa xente.

Mato, Xesús
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora